IniciosociedadeDiario da desescalada: vístete, "teletraballador"

Diario da desescalada: vístete, “teletraballador”

Co confinamento, o teletraballo semellaba "a solución" para en diante; meses máis tarde, parece que fai falta dicirlle ao noso cerebro que hai que poñerse "en modo descanso"

Publicada o

- Advertisement -

O teletraballo, como o coronavirus, chegou para quedarse. Dino os expertos, como Jordi Serrano, do Future For Work Institute, que constataba nun encontro virtual impulsado pola Universidade da Coruña que se triplicou -do 10 ao 30%– o número de empregados en España que desenvolven as súas tarefas nesta modalidade. O especialista en recursos humanos asegurou que “hai sinais en todos os sentidos” para confirmar a tendencia no post Covid-19, ao anunciar algunhas compañías que o permitirían “para sempre” e países como Alemaña anunciaran tamén que lexislarán sobre o dereito a teletraballar.

OS CONSELLOS DO “COACHING”

Coas restricións do estado de alarma, o teletraballo pareceu non só unha saída para conservar o emprego e a produtividade durante o confinamento duro, senón tamén unha alternativa que se presentaba como de desexable aplicación durante todo o ano. Como “teletraballador” desde o ano 2014, sorprendeume -segue a sorprenderme- que moita xente de orientación progresista vira na opción de teletraballar algo tan natural como o respirar. A sensación xeral era que estabamos tardando.

O que non me sorprendeu foi a cantidade de artigos que, no inicio da corentenafacía fincapé nos consellos psicolóxicos para empregados antes que en lembrar os dereitos laborais dos traballadores ás empresas que apostan por esta modalidade de traballo. Estamos acostumados a ese tipo de mensaxes que poñen sempre o foco no currante e nunca na patronal: autorregúlate, ordénate, planifica, responsabilízate.

NA CASA, DÚAS HORAS DIARIAS DE MEDIA MÁIS

Mesmo vístete. Un profesor dun Mestrado en Dirección de Persoas e Desenvolvemento Organizativo (!) convidaba en El Confidencial a “non quedar co pixama; o simbolismo é importante e axuda ao noso cerebro a poñernos en modo traballo“.

Dous meses máis tarde, parece que o que fai falta é xusto o contrario, dicirlle ao noso cerebro que hai que poñerse “en modo descanso“: unha enquisa publicada en Forbes constatou que na casa traballabamos de media dúas horas diarias máis ca na oficina. Quen podía sospeitalo! Esas chamadas ás dez da noite: “como estabas na casa…”.

Moitas persoas comprobaron estes días o que todo teletraballador xa sabía. Que teletraballar nunha casa -non digamos nun piso pequeno– que un comparte coa familia é complicado e por veces unha quimera, porque resulta difícil convencer mesmo a un adulto de que as tarefas que se fan desde a casa merecen a mesma intimidade e tranquilidade que as que se farían nunha oficina ou nunha fábrica de aluminio. Ábrese a porta e alguén pregunta: “sabes quen está na tele?”. Se non o viviron dígollelo eu.

Tamén, que pola propia dinámica das empresas, un síntese responsable de estar sempre conectado, atento, e que hai xornadas nas que, entre as tarefas da casa e as do traballo, efectivamente non dá tempo a vestirse nin, en ocasións, a ducharse. Que se come ducias de veces diante do ordenador. Que pensar que un pode conciliar mellor o coidado da familia e as tarefas ten bastante de ilusión: ou perde o traballo ou perden os seres queridos.

COMO A REDACCIÓN, NADA

Pregúntome se o afán -agora un tanto desinflado- polo teletraballo non terá que ver co crecente individualismo da nosa sociedade, desta a nosa “era da diferencia” na que, tan parecidos que somos, necesitamos para estar ben de sentirnos diferentes (e afirmámonos a través dos gustos e das marcas que compramos, e cada vez compartimos menos cousas).

Á espera de regulamentos para teletraballar que nos permitan ter algo máis sólido a que agarrarnos que o “coaching“, permítanme como xornalista vellenial lembrar a efervescencia das redaccións. Desas nas que unha conversa sobre os fundamentos do oficio (ou sobre a vida) cun bo compañeiro ensina máis que ducias de horas de “produtividade”; nas que se un ten un mal día sinte sempre que hai unha rede de seguridade; nas que de vez en cando saes da oficina pensando que tes o mellor traballo do mundo, aínda que non sexa así. Discúlpenme a licenza nostálxica; ás veces resulta aburrido (e mesmo un pouco carente de sentido) o xornalismo en pantuflas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...