O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo segue a minguar, segundo o reconto oficial ofrecido este xoves polo Sergas. A Consellería de Sanidade documenta 51 positivos na área lucense, tres menos ca onte. O Hospital Público da Mariña segue sen pacientes do virus.

Na provincia hai catro persoas ingresadas a causa da pandemia, dúas delas na Uci do HULA e outras dúas en plantas desde mesmo centro hospitalario. En domicilio documéntanse un total de 47 casos, tres menos có pasado mércores.

No reconto histórico da provincia, o Sergas contabiliza 27 falecementos. Cinco deles foron na Mariña Lucense. Na Uci de Burela morreu ademais un paciente que ingresara polo coronavirus e que durante a súa estancia na unidade de críticos superou a doenza, malia que xa non se recuperaría. Déronse 869 altas.

615 FALECEMENTOS

A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 799, deles 187 son da área da Coruña, 51 da de Lugo, 94 da de Ourense, 36 da de Pontevedra, 268 da área de Vigo, 142 da de Santiago e 21 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en Uci, 37 están en unidades de hospitalización e 757 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.849 persoas curadas, rexistrándose 615 falecementos.

RESIDENCIAS

No tocante ás residencias, o Sergas documenta un positivo en Mirador del Eo (Ribadeo), que segundo a dirección da vivenda comunitaria privada foi dado de alta o pasado luns, tras resultar negativo no test.