PUBLICIDADE
Inicio sociedade Os casos de coronavirus na provincia caen por debaixo dos 50

Os casos de coronavirus na provincia caen por debaixo dos 50

Non hai ingresados no Hospital Público da Mariña nin tampouco se detectaron positivos nas residencias de maiores da bisbarra

Letreiro informativo no Hospital da Mariña. AXM

O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo caeu por debaixo dos 50 infectados, segundo o reconto oficial do Sergas. A Consellería de Sanidade contabiliza 49 positivos, dous menos ca onte. O Hospital Público da Mariña segue sen ingresados.

Os catro hospitalizados na área lucense a causa da pandemia permanecen no HULA, un deles na Uci e outros tres en planta. En domicilio fican 45 pacientes.

No histórico da provincia, o Sergas documenta 27 falecementos, cinco deles na Mariña, ademais da morte dun home que ingresou por coronavirus e pereceu na Uci de Burela malia superar a doenza no seu período na unidade de críticos. Déronse 871 altas.

773 INFECTADOS EN GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 773, deles 179 son da área da Coruña, 49 da de Lugo, 89 da de Ourense, 30 da de Pontevedra, 266 da área de Vigo, 139 da de Santiago, e 21 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 5 permanecen en Uci, 37 están en unidades de hospitalización e 731 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 9.896 persoas curadas, rexistrándose 615 falecementos. O número de PCR realizadas é de 140.225.

No tocante ás residencias, o Sergas recolle no cómputo deste venres a alta recibida días atrás por un maior na vivenda comunitaria privada Mirador del Eo, en Ribadeo.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here