A concelleira de Medio Ambiente de Burela, Toñi Eijo, fixo a través dun comunicado de prensa unha chamada á responsabilidade na utilización das praias do municipio. A edil pide “que se cumpran estritamente as recomendacións realizadas polas autoridades sanitarias relativas ao distanciamento interpersoal e ás medidas hixiénico-sanitarias” para evitar contaxios de coronavirus. “De non ser así o Concello sancionará aos infractores”, remata.
Eijo sinala que o Concello percibiu “o comportamento pouco responsable dunha minoría de persoas usuarias das praias do concello de Burela”, polo que “apela á responsabilidade de todas á hora de permanecer e desfrutar dos nosos areais, así como á hora de utilizar as súas instalacións e servizos, como duchas ou lavapés”.
A edil reclama “responsabilidade” ás persoas usuarias das praias “para que, en canto á práctica deportiva nos areais e na zona de baño, se faga de xeito individual e sen contacto físico, mantendo unha distancia mínima interpersoal de dous metros. Recordamos que, ata nova orde, non se poden practicar deportes de equipo, conxunto ou colectivos nas praias, a salvo do disposto en relación coas excepcións previstas nas normas sanitarias para as persoas deportistas federadas e profesionais”, zanxa.
MÁSCARAS DE NON PODER ASEGURAR OS DOUS METROS E REUNIÓNS MENORES DE 15 PERSOAS
Sobre a permanencia e o uso praia a concelleira de Medio Ambiente indica que “ademais das medidas de seguridade e hixiene impostas pola autoridade sanitaria, debe manterse unha distancia mínima de dous metros entre as persoas, ou no seu caso, medidas alternativas de protección física, de hixiene de mans e uso de máscaras. Os grupos de persoas non sobrepasarán o número de quince”.
De continuar os “comportamentos incívicos”, alerta o Concello, “adoptaranse as medidas sancionadoras ou restritivas que procedan fronte aos mesmos en relación ao uso e desfrute das praias, e todo elo en defensa do interese superior da saúde pública das persoas usuarias e da cidadanía en xeral”. Eijo lembra, para finalizar, de que un posible rebrote de coronavirus “frustraría o enorme esforzo realizado pola nosa sociedade”.