O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo é de 37, un menos ca onte, segundo o reconto oficial ofrecido este venres polo Sergas.

O Hospital Público da Mariña segue sen ingresados con Covid-19, e os únicos dous hospitalizados a causa da pandemia permanecen no HULA, ambos en planta. Detéctanse 35 casos en domicilio. Nas residencias da bisbarra tampouco se documentan positivos.

No histórico da provincia documéntanse 28 falecementos, cinco deles na Mariña Lucense -ademais dunha sexta vítima que faleceu na Uci de Burela tras superar a doenza-, e 888 altas.

A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 563, deles 132 son da área da Coruña, 37 da de Lugo, 51 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 195 da área de Vigo, 114 da de Santiago, e 18 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanecen en Uci, 26 están en unidades de hospitalización e 536 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.178 altas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 148.150.