Sindicatos como CIG, CC OO, UGT, CSIF ou CESM denuncian un “peche encuberto” de camas en hospitais de Galicia durante o verán e reclaman ao Sergas “optimizar recursos” para reducir as listas de espera despois do parón asistencial pola crise da Covid-19.
A responsable de CCOO-Sanidade, Emilia Lamas, lamentou que as xerencias de áreas sanitarias “como as de Ferrol, Lugo, A Mariña ou Pontevedra anuncien peches de camas hospitalarias de cara ao período estival”, cando “os meses de verán son idóneos para reducir as listas de espera“.
Fontes sindicais trasladaron que xerencias comunicaron a representantes sindicais o peche de 14 camas de pediatría na área de Ferrol desde o 26 de xuño; mentres que no HULA serán 64 e no Hospital Público da Mariña en Burela unha vintena desde o 1 de xullo.