InicioEconomíaOs Fernández Rey, tres irmáns que fan aluminio baixo a sombra do...

Os Fernández Rey, tres irmáns que fan aluminio baixo a sombra do ERE: “desde nenos todo era a fábrica”

O despedimento colectivo anunciado por Alcoa afectaría a Ramiro, Roberto e Diego, que traballan en electrólise, no complexo industrial onde antes gañou o pan seu pai

Publicada o

- Advertisement -

Hai oito anos da primeira vez que conversei con Diego Fernández Rey sobre a problemática da planta de aluminio de San Cibrao. Este traballador de Burela participaba entón nunha manifestación polo futuro da planta coa súa muller, que levaba nunha mochila a un dos fillos de ambos, daquela un bebé de tres meses, agora un neno. La Voz de Galicia inmortalizou a imaxe. “Aquí seguimos”, lamenta, “porque pasaron moitos Gobernos pero ninguén puxo unha solución ao prezo da luz”. Admite que agora o medo é maior, porque “temos sobre a mesa a ameaza de ir todos para a rúa”.

A ameaza é o despedimento colectivo anunciado por Alcoa na factoría de aluminio do complexo industrial sancibrense, que afectaría a 534 traballadores da fábrica e a outros 400 obreiros de empresas auxiliares. Entre os posibles afectados no departamento de electrólise estarían Diego e seus dous irmáns, Ramiro e Roberto. Serían tres dos seres humanos detrás da cifra arrepiante que a multinacional fixo pública.

“NON BERREDES, QUE PAPÁ VAI DE NOITE”

A familia Fernández Rey exemplifica como poucas a pegada que tivo o complexo industrial na sociedade da Mariña: antes de entrar a traballar, criáronse a partir do pan que gañaba seu pai tamén en San Cibrao.

Horacio traballou en alúmina, no departamento de dixestión. Entrou un ano ou dous despois de que a actividade do centro comezara e prexubilouse na fábrica”, explica Ramiro, concelleiro en Burela, antes sindicalista e que comezou no aluminio no 2001. “O 6 de xaneiro do ano que vén farei dúas décadas”, remarca. Soa dubitativo, dadas as circunstancias, aínda que ten a esperanza “de que finalmente salvemos a papeleta”.

Non berredes, que papá dorme; ten que ir de noite“. Así lembra Ramiro que lles dicía súa nai, de pequenos, cando Horacio traballaba a quendas, como fan os seus fillos agora. “A miña memoria está ligada ao aluminio. Desde que eramos nenos, todo na casa era a fábrica. A nosa familia desenvolveuse ao ritmo que nos marcou”, afirma.

AS FAMILIAS NUMEROSAS DO ALUMINIO

Sería interesante analizar a secuencia dos nacementos dos fillos dos traballadores nos inicios do complexo industrial de San Cibrao. Son cifras a miúdo similares ou mesmo calcadas, que quizais falen mellor ca ningún outro exemplo do estado de ánimo que supuxo para a comarca a produción de aluminio. Non fai falta buscar demasiado para atoparse familias numerosas con pequenos nacidos practicamente no mesmo período: os inicios da actividade industrial en San Cibrao.

Ramiro naceu no 1976, dous anos antes do inicio; Roberto, no 1979, xa coa fábrica activa, e Diego no 1984. Tres cervenses, fillos doutro traballador veterano da empresa, agora xubilado, naceron no 1975, 1979 e 1983. É inevitable pensar na miña familia, tamén dependente da produción do metal; miñas irmás viñeron no 1974 e no 1978, eu no 1983.

“UNHA VIDA DIGNA”

Para Diego, que entrou no complexo industrial de San Cibrao en 2008, en plena crise da construción, Alcoa ofreceu “unha estabilidade moi grande. Eu traballaba nos eólicos e desde que comecei no aluminio caseime, tivemos pícaros, merquei un piso… Ou esa tranquilidade supuña en teoría”, matiza, “porque aos dous anos de comezar xa tiñamos este problema enriba da mesa”.

Os tres irmáns teñen coas súas respectivas parellas un total de cinco fillos; Ramiro unha nena, Roberto e Diego dous pequenos cada un. “Cando entras contas, se nada se torce, xubilarte aí. Sabes que a fin de mes vas cobrar e que tes unhas condicións laborais das mellores da zona, un horario de traballo estable. Unha vida digna”, subliña Ramiro, que engade que está “moi contento” na factoría. “Non teño aspiracións maiores, non cambio agora mesmo nada”, zanxa.

“OS OBREIROS SENTIMOS A FÁBRICA COMO NOSA”

Ramiro está molesto polas maneiras da multinacional. “As formas non foron boas. Non se recoñeceu o traballo que fixemos. Os traballadores senten esta fábrica como deles; cando xurdiu o problema dos transformadores (no 2015 avariáronse dous dos tres que daban servizo ao sector B de electrólise) dobramos quendas, traballamos todo o que puidemos e máis para que non caera a serie. Pero con todo o traballo que fixemos, e malia que non houbo investimentos, temos un ERE na mesa nada máis acabar a pandemia… Non se nos tratou ben”, xulga.

“Somos unha fábrica punteira, que funciona ben malia que non investiron practicamente nada nela. A xente está facendo o traballo con profesionalidade. Esta factoría deu moita riqueza e estánnola quitando“, sostén.

O APOIO VECIÑAL RECONFORTA PARA UNHA LOITA QUE SE PREVÉ LONGA

Como están a ser estes días? “Tentas traballar o mellor posible porque a fábrica non pode caer por se a alguén lle interesa comprala“, indica Diego, que confesa que “na casa levámolo mal. Sempre hai preguntas e cando llo dixemos os nenos estiveron fastidiados un tempo“, admite.

A preocupación e unánime, non só pola situación familiar, senón por toda a comarca. “Se a fábrica pecha vai caer todo. Os comercios, incluso o valor dos pisos…”, prognostica Ramiro, que de non poder producir aluminio tería probablemente que “emigrar”, o mesmo que pensa Diego. “Non temo morrer de fame porque algo hei encontrar, pero igual si que me vería obrigado a desprazarme”, remata.

O temor, con todo, queda matizado pola imperativa responsabilidade e tamén polo apoio veciñal que están a recibir os traballadores. “A xente está mentalizada”, subliña Ramiro, que se amosa “sorprendido” coa resposta, tanto en Viveiro como en Ribadeo, “nunha manifestación convocada coma quen di dun día para outro, de xeito espontáneo, e na que había milleiros de persoas”. A compaña dá forza, finaliza, “porque nos xogamos moito e temos que pelexar ata o final”.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...