O número de casos activos de coronavirus na provincia de Lugo segue minguando. Segundo o reconto oficial ofrecido este domingo polo Sergas, detéctanse 30 positivos na área lucense, tres menos có pasado sábado. O Hospital Público da Mariña permanece sen ingresados por Covid-19 e tampouco hai infectados nas residencias da bisbarra.

O único hospitalizado a causa da pandemia na área lucense permanece nunha planta do HULA. A Consellería de Sanidade documenta 29 casos en domicilio, tres menos ca onte.

O histórico da provincia recolle un total de 28 falecementos, cinco deles na Mariña Lucense, ademais dunha sexta vítima que morreu na Uci de Burela despois de superar a doenza durante o seu período na unidade de críticos. Déronse 899 altas.

A nivel galego, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 524; deles 119 son da área da Coruña, 30 da de Lugo, 44 da de Ourense, 16 da de Pontevedra, 194 da área de Vigo, 107 da de Santiago de Compostela, e 14 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en Uci, 22 están en unidades de hospitalización e 501 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.242 persoas curadas, rexistrándose 618 falecementos. O número de PCR realizadas é de 150.498.