Gobernos locais como os de Foz, Burela ou Ribadeo piden á Xunta de Galicia que concrete cantos socorristas financiará por municipio de cara ao vindeiro verán. Despois de que Asociación De Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac) dese a coñecer os 18 areais da Mariña Lucense que contarán con bandeira azul na época estival, os Concellos advirten de que a normativa de seguridade será máis estrita con motivo do coronavirus e conservar os galardóns suporá “un sobrecusto” para as arcas municipais.
O alcalde de Foz, o socialista Fran Cajoto, valorou que “somos o concello da Mariña que máis bandeiras azuis obtén, con cinco, e ademais recuperamos a distinción de sendeiro azul para a Ruta das Praias. Pero temos do ano pasado un sabor de boca un pouco agridoce”, matizou, porque ante a escaseza de socorristas, “tivemos que distribuílos por responsabilidade para garantir a seguridade nas praias e retirar os distintivos concedidos”, afirma o rexedor.
“SEN A ACHEGA AUTONÓMICA NON HABERÁ PRAIAS EN CONDICIÓNS”
Cajoto urxe ao Goberno autonómico a que concrete cantos socorristas financiará. “Estamos agardando pola resolución das subvencións, e estamos a mediados practicamente do mes de xuño; se non temos esa achega habitual non poderemos abrir as praias en condicións para o mes de xullo”, apunta. “As bandeiras son mostras de calidade, pero non garanten a seguridade, que depende dos vixiantes, así que esperamos que a Xunta resolva axiña” as axudas, zanxou.
UN PROBLEMA CADA VERÁN
A falta de socorristas é un problema recorrente para os Concellos da Mariña nos últimos anos, que se agravou o pasado verán, cando a Xunta decidiu “por igualdade territorial” reforzar o número de socorristas custeados nos areais para atender as piscinas da provincia, unha decisión criticada dado que lugares como o litoral da Mariña duplican ou mesmo triplican a poboación en determinados momentos do verán.
A maioría dos Concellos tivo dificultades para completar o número de profesionais necesario, e seguiuse a buscar vixiantes incluso no mes de agosto. A situación é cada ano fonte de polémica entre o Goberno autonómico, que insiste en que se trata dunha cuestión de competencia municipal, e os Concellos, que acusan á Xunta de reducir as axudas e de esixir un nivel de formación que disuade aos posibles aspirantes.
LLANO PIDE “PERSOAL SUFICIENTE” PARA “GARANTIR A SEGURIDADE”
O edil de Medio Ambiente de Ribadeo, o nacionalista Jorge Díaz, lembra que “sabemos o que requiren as bandeiras azuis. Ademais este ano vai ser unha cousa extraordinaria debido ao tema sanitario que estamos a vivir. Isto vai supoñer un sobrecusto para todos os lugares que teñen este distintivo”, indica o concelleiro, que expón que o Concello está “pendente” de coñecer cantos socorristas lle subvencionará a Xunta “para planificar” o vindeiro verán.
O rexedor de Burela, o socialista Alfredo Llano, felicitouse pola recuperación do galardón para O Portelo, que se suma a Ril e A Marosa. “É unha alegría para o Concello e unha nova merecida, pero agora debemos acompañar todo isto do suficiente persoal para salvamento. Esperemos que en pouco tempo nos avisen do número de socorristas que nos dan a cada un dos Concellos para ir organizando todo e sabendo que temos xente abonda para poder garantir a seguridade”, sinala.
Neste sentido, Llano espera poder contratar “o antes posible, para poder comezar o 1 de xullo, antes vai ser moi complicado”.
EN CERVO OS TRABALLADORES DA PISCINA COMEZARON EN MAIO NAS PRAIAS
O alcalde de Cervo, o popular Alfonso Villares, celebrou o recoñecemento de Adeac para O Torno. O rexedor cervense expuxo que desde a útima fin de semana de maio, o servizo de socorrismo está activo, con “seis profesionais que forman parte do cadro de persoal da administración local, de luns a domingo, en quendas de mañá e de tarde”.

Villares afirmou que se elaborou “un protocolo de salvamento e seguridade” e que se dotou aos socorristas de “balóns de ventilación, gafas protectoras especiais e de equipos de protección individual para cada técnico para que poidan realizar as intervencións de primeiros auxilios, se se dese a circunstancia, con todas as garantías tanto para o suposto lesionado como para o propio socorrista, coa máscara como elemento obrigatorio ante a imposibilidade de manter a distancia, nestes supostos. Os socorristas tamén dispoñen de xeles desinfectantes e demais material específico contra o Covid-19″, sostivo.
MÁIS TEMPO PARA ADAPTARSE Á NORMATIVA, PERO MÁIS ESIXENCIAS
Adeac publicou dúas guías nas que recolle os requisitos para cumprir cos criterios da bandeira azul. As praias terán este ano máis marxe de tempo para izar a bandeira azul e adaptarse á normativa xurdida como consecuencia da coronavirus, incluíndo limpar e desinfectar diariamente as papeleiras e depositar correctamente os residuos asociados á pandemia.
Para que os concellos e portos deportivos con bandeira azul 2020 dispoñan de máis tempo para adaptarse ás medidas propostas polo Goberno, a data para izar a insignia de inicio da tempada 2020 poderá atrasarse ata o 15 de xullo.
A desinfección diaria de papeleiras e contedores e de WC e servizos similares son algunhas das recomendacións de Adeac, que desaconsella “vivamente” a existencia de duchas ou lavapés, porque as mencionadas instalacións ” supoñen un gasto de auga e un posible foco de contaxios innecesario por posibles virus nos pulsadores e no prato da mesma”.