O Concello de Cervo e as asociacións do municipio mantiveron unha xuntanza este xoves na que decidiron que, dadas as circunstancias excepcionais a nivel sanitario que provoca a pandemia do coronavirus, non haberá festas populares durante a época estival.
Esta decisión afecta ás dúas Festas de Interese Turístico Galego do concello, A Maruxaina de San Cibrao e a Queimada Popular de Cervo, e tamén ás patronais que se celebran nas diferentes parroquias nos meses de xuño, xullo e agosto.
Son as festas na honra de San Luís de Figuerido, de San Pedro na Senra, de Santa Isabel en Lieiro, do Carme de San Cibrao, de Santiago en Sargadelos e de Nosa Señora e de San Roque de Cervo.
Desde o Concello queren “poñer en valor o traballo altruísta que desenvolven os integrantes das diferentes comisións de festas para levar adiante ano tras ano unhas celebracións que son un referente en toda a bisbarra e que de seguro que volveremos poder desfrutar todos xuntos máis pronto que tarde”.