Inma Lorenzo, natural de Burela, foi recentemente seleccionada por segundo ano consecutivo por Expansión entre as dez mellores promesas da avogacía en España. Na segunda edición do certame co que o diario económico distingue aos avogados menores de 35 anos máis destacados, só a letrada burelá repetiu entre a decena de nominados.
Lorenzo, que leva dez anos afincada en Madrid e traballa para Hogan Lovells, considera que é “unha honra” aspirar de novo ao premio, que se fallará en setembro. Expansión recoñece a traxectoria duns poucos avogados do Estado desde hai cinco anos, pero nos últimos dous estableceu unha nova categoría, dedicada ás promesas do oficio, na que a burelá coouse sempre ata o de agora entre os mellores.
LEVA DEZ ANOS AFINCADA EN MADRID E TRABALLA PARA O DESPACHO HOGAN LOVELLS
“Sempre dan apuro estas cousas, sobre todo cando penso que aínda teño todo por aprender, pero é certo que é un recoñecemento ao esforzo e o traballo e estou moi agradecida”, expón Lorenzo, que explica o procedemento do galardón.
O XURADO DESTACA “O SEU PERFIL INTERNACIONAL”
“O premio de Expansión outórgase entre os candidatos que propoñen os despachos, así que está moi ben que te seleccione a túa propia empresa para poder aspirar a el. Cada firma propón un máximo de dous e case todas elas son internacionais, así que xa é un privilexio que te escollan a ti. E se aínda por riba un xurado experto te avala, a verdade é que é unha honra”, apunta. O diario económico destaca “o seu perfil internacional”.
Non é a primeira vez que se recoñece a súa traxectoria. A revista xurídica Iberian Lawyer, que cubre España e Portugal, seleccionou no 2019 á letrada burelá entre os seus premios Forty under forty, que escollen os 40 mellores avogados por debaixo dos 40 anos.
TRABALLA NO ÁMBITO DA PROPIEDADE INDUSTRIAL INTELECTUAL
Lorenzo dedícase “á propiedade industrial intelectual e áreas relacionadas: segredos industriais, competencia desleal… O meu traballo consiste en protexer os activos intanxibles, o produto da innovación e da creación intelectual. Paréceme apaixonante, porque traballas coa vangarda da innovación; novos tratamentos para o cancro, dispostivos médicos, telecomunicacións e telefonía móbil, tecnoloxía industrial…”, enumera.
“RESOLVEMOS LITIXIOS SOBRE PATENTES OU DESEÑOS, CON RESPECTO A TRATAMENTOS PARA O CANCRO, DISPOSITIVOS MÉDICOS…”
“Traballas con grandes corporacións, multinacionais, e a maioría dos temas son litixios entre competidores, un que protexe a súa innovación fronte a outro que copia ou se inspira. É interesante onde están os límites entre a inspiración e o plaxio. Traballamos sobre patentes ou deseños e propiedade intelectual”, concreta.
Trátase dunha rama da avogacía “en evolución, porque hai 15 anos non había materias específicas na carreira”, e que resulta “chave” para as empresas. “Teñen que investir nunha área que é punteira, porque para elas é fundamental protexer os seus dereitos”, remarca, para engadir que “gústame pensar que se non es capaz de dar unha protección eficiente, o coñecemento humano non avanza, só desde o incentivo da investigación se pode avanzar. Considérome unha privilexiada por poder traballar nalgo que me apaixona”, conclúe.
“AS EMPRESAS TEÑEN QUE INVESTIR NESTA ÁREA, PORQUE PARA ELAS É FUNDAMENTAL”
CORONAVIRUS E XUSTIZA
Sobre a experiencia co coronavirus nun dos epicentros da crise sanitaria a nivel estatal, lembra que tivo unha conciencia temperá do problema xa que lle tocaba traballar no Mobile World Congress de Barcelona, previsto para o pasado mes de febreiro. “A partir da cancelación, no despacho había un montón de directrices moi restritivas”, relata.
A letrada burelá, que tamén exerce como docente en mestrados, participou a semana pasada na primeira vista xudicial telemática. “Foi unha novidade e moi ben. Ao principio tivemos algún problema e empezamos máis tarde porque o sistema previsto non funcionaba, pero despois non houbo ningunha dificultade”, conta.
“ESTE XOVES PARTICIPEI NA MIÑA PRIMEIRA VISTA TELEMÁTICA. FOI UNHA NOVIDADE, PERO NON HOUBO PROBLEMAS”
Ten pinta de ir por aí o futuro da Xustiza? “Polo menos é o que parece. O Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) e o Ministerio de Xustiza piden que nos tres meses seguintes ao remate do estado de alarma as comparecencias sexan preferentemente telemáticas”, apunta. “Dependerá das posibilidades de cada Xulgado, pero temos que quitar o traballo de diante, porque o colapso pode ser importante; estivo todo parado desde o 14 de marzo ao 4 de xuño“, precisa.
“Agosto normalmente é mes inhábil e agora só o será ata o 10 de agosto. A acumulación prexudica aos máis vulnerables. Se queremos ser todos iguais ante a lei, como debe ser, debemos ser o máis eficientes posible; se os procedementos son máis longos, a parte que menos ten vai tender a non defender a súa posición e buscar pactos”, remarca Lorenzo, que espera poder celebrar en setembro outra boa nova. En calquera caso, antes volverá pola Mariña Lucense a pasar as vacacións e compartir a “ledicia” de ver de novo recoñecido o seu traballo.