IniciosociedadeMáis de 1.400 asinantes de Alfoz e O Valadouro reclaman que se...

Máis de 1.400 asinantes de Alfoz e O Valadouro reclaman que se impartan ciclos formativos no instituto

O movemento veciñal liderado por Pedro López Morillo enviou unha proposta para pedir á Xunta o aumento da oferta educativa, a fin de garantir a supervivencia do centro e atraer poboación

Publicada o

- Advertisement -

O movemento cidadán para reclamar o aumento da oferta educativa no IES Alfoz-Valadouro segue dando pasos adiante para conseguir o seu obxectivo, que se impartan ciclos de Formación Profesional (FP) que sirvan para apuntalar a matrícula e garantir a supervivencia do centro, ademais de para fixar poboación nesta zona do interior da Mariña Lucense. O promotor desta iniciativa, un ex alumno, Pedro López Morillo, e outros integrantes do colectivo, entregaron no consistorio de Alfoz 1.427 sinaturas para reclamar que se corrixa esta eiva, dado que o instituto é un dous poucos de Galicia que non ofrece Bacharelato nin ningunha opción de FP. Unha situación que os asinantes entenden que é “un agravio comparativo” e tamén unha condena á desaparición.

“TODO O MUNDO ESTÁ DE ACORDO”, SINALA O PROMOTOR

Os municipios de Alfoz e O Valadouro teñen 1.688 e 1.991 habitantes, para 3.679 residentes, polo que o número de sinaturas achégase ao 40% da poboación total destes concellos, que incluiría tamén os menores de idade. “É unha petición coa que todo o mundo está de acordo”, indica López Morillo. “A totalidade da veciñanza secundou esta solicitude, ben a título individual, ben a través das diversas asociacións, clubs ou agrupacións”, explica.

Do mesmo xeito, tanto as corporacións municipais de Alfoz e O Valadouro, coma os consellos escolares dos centros educativos: CEIP Castro de Ouro de Alfoz, IES Alfoz-Valadouro, e CEIP Santa María do Valadouro, no que o profesorado, malia non poder xuntarse polo momento por mor do coronavirus, xa fixo público o seu apoio.

PROPOSTA RIGOROSA

A entrega das sinaturas vén acompañada dunha proposta de aumento da oferta educativa que, remarca López Morillo, é “un traballo de moito tempo, froito de moitas reunións con Anpas, veciñanza e partidos”. Non se trata dunha petición pechada, salienta o promotor, que asegura que “estamos abertos a modificacións”, pero trátase dunha proposición rigorosa, detrás da que hai unha análise do potencial e das fraquezas do instituto. E na que non se pide por pedir: “centrámonos só nos ciclos de FP e non no Bacharelato porque aquí non poderiamos ofertar todas as ramas e prexudicariamos a Foz ou Burela ao quitarlles alumnado”, explica.

TITULACIÓNS CON DEMANDA, SEN OFERTA E CON EMPRESAS DO SECTOR NA ZONA

Os ciclos formativos propostos, todos da familia de instalación e mantementonon se imparten na Mariña Lucense e incluso, nalgún caso, na provincia de Lugo. Son titulacións “con gran demanda no mercado laboral” e na zona existen empresas que facilitarían a formación dual e a realización de prácticas, así como a posibilidade de atopar emprego ao finalizar os estudos.

Son os seguintes: Superior de Prevención de riscos profesionais, sen oferta na provincia de Lugo e que non suporía, resaltan os asinantes, “grandes investimentos” por parte da Consellería de Educación dado que “os espazos dispoñibles no IES Alfoz-Valadouro son facilmente adaptables; o Básico de Mantemento de vivendas, do que non existe FP Dual en toda Galicia; o Medio de Instalacións frigoríficas e climatización e o Superior de Mantemento de instalacións térmicas e de fluídos.

A proposta inclúe mesmo as melloras que precisarían determinadas titulacións; así, López Morillo explica que o ciclo superior de Mantemento de instalacións térmicas e de fluídos requeriría de habilitar unha superficie total de 420 metros cadrados para 20 alumnos e 540 para 30 alumnos.

A XUNTA DECIDIRÁ

Deste xeito, o balón está no tellado da Xunta de Galicia. “Penso que a proposta é representativa porque todos deixamos as nosas ideoloxías a un lado para solicitar algo que cremos que supón un ben común”, subliña Morillo. Queda agora que alguén escoite a petición unánime da veciñanza do Val do Ouro.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...