IniciosociedadeAsí será a "nova normalidade" nas praias de Burela

Así será a “nova normalidade” nas praias de Burela

O Concello resume os puntos fundamentais da súa ordenanza de areais: distancia interpersoal de 1,5 metros, hixiene de mans e máscaras e deporte colectivo permitido sen contacto físico

Publicada o

- Advertisement -

O Comité de Xestión de Praias de Burela acordou a aplicación de varias medidas para garantir unha adecuada xestión das mesmas no actual contexto de emerxencia sanitaria provocada polo Covid-19, segundo informou o Concello a través dun comunicado de prensa. Os usuarios dos areais de Burela deberán manter a distancia de seguridade interpersoal, establecida en 1,5 metros, agás no caso dos convivintes; estará permitida a práctica deportiva colectiva, pero sen contacto físico; poderanse empregar as duchas e os lavapés ao aire libre, pero sen utilizar xabóns, champús ou produtos similares. Así o deu a coñecer a concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, que pide responsabilidade á veciñanza e aos turistas. “No caso contrario verémonos na obriga de sancionar”, advirte.

As medidas que se levarán adiante nos areais de Burela foron analizadas polo Comité de Xestión das Praias no contexto da emerxencia sanitaria ocasionada polo coronavirus. Do mesmo forman parte: o alcalde, Alfredo Llano, os concelleiros de Medio Ambiente e Obras, Eijo e Ramiro Fernández, o persoal técnico municipal responsable dos Servizos de Medio Ambiente, do Centro de Educación Ambiental Gaia, de Obras, de Protección Civil e da Policía Local, así como a persoa representante da nova empresa adxudicataria do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos, limpeza viaria, limpeza de praias e xestión do punto limpo municipal.

Eijo explicou que “tras a posta de manifesto dos diversos escenarios e problemáticas que poderían darse nesta concreta materia, decidiuse manter os servizos esenciais prestados na praia, se ben con restricións estipuladas na normativa autonómica e estatal”.

OS CONVIVINTES, EXENTOS DA NORMATIVA RESPECTO ÁS DISTANCIAS

A concelleira de Medio Ambiente insistiu en que os usuarios “deberán manter as medidas de hixiene e prevención establecidas nas referidas normas sanitarias autonómicas e estatais, nomeadamente, o lavado de mans e o uso de máscaras. A situación dos obxectos persoais, toallas, hamacas e elementos similares levarase a cabo de forma que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal anteriormente referida con respecto a outros usuarios, salvo no caso de convivintes”, indica.

A edil burelá subliñou que “se ben agora está permitida a práctica deportiva colectiva nas praias, débese recordar que non poderá realizarse en ningún caso con contacto físico, e que deberán establecerse as medidas precisas para procurar manter a referida distancia de seguridade interpersoal ou, no seu defecto, a utilización de medidas alternativas de protección física”.

DUCHAS E LAVAPÉS

Toñi Eijo contou que “os accesos e saídas dos areais seguirán estando debidamente indicados, e deberán ser respectados. E no tocante ás instalacións das praias manterase a posibilidade de uso de duchas e lavapés ao aire libre, aseos, vestiarios, parasoles e outros servizos públicos similares –a excepción dos cambiadores-, se ben tal uso só poderá ser realizado por unha persoa cada vez, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia, as cales poderán contar co seu acompañante”. As duchas serán individuais. As dobres serán eliminadas.

A concelleira de Medio Ambiente burelá indicou que “se garantirá a instalación dos colectores de lixo no areal para que non haxa presenza de residuos na praia e que así non supoñan un risco para a saúde e integridade das persoas usuarias”. A recollida do lixo realizarase de forma adecuada e selectiva.

Eijo indicou que “é preciso que as persoas usuarias actúen á hora de usar os elementos mobles e inmobles das praias con responsabilidade, de xeito tal que utilicen calquera tipo de barreira para evitar o contacto directo coas mesmas ou, no seu caso, realicen unha adecuada hixiene de mans ou de calquera outra parte do corpo, antes de entrar en contacto directo con tales instalacións e elementos – en particular, coas duchas, lavapés, colectores, baños, etcétera”.

Eijo insistiu en que “entre outras prohibicións a nosa ordenanza de praias prohibe o uso de xabón, champús ou elementos análogos nas duchas situadas nas praias, se ben, como se advertiu, é necesario que se hixienicen adecuadamente as mans e calquera outro parte do corpo que estea en contacto directo con tales elementos e instalacións, antes e despois de cada uso”.

ADVERTENCIA DE POSIBLES SANCIÓNS

A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “as medidas adoptadas polo Concello no marco da normativa sanitaria referida, poderán adaptarse en función do grado de cumprimento que sobre as mesmas teñan as persoas usuarias das praias. Neste sentido, desde a corporación municipal pregámoslle novamente á veciñanza e a todas as persoas usuarias das praias que eviten incorrer en calquera comportamento incívico como algún dos detectados nos nosos areais, e, polo tanto, que respecten as recomendacións e ordes desta administración local e das autoridades sanitarias, pois do contrario necesariamente deberanse adoptar as medidas sancionadoras ou restritivas que resulten adecuadas fronte ás persoas responsables do seu incumprimento, e todo elo en defensa do interese superior da saúde pública das persoas usuarias e da cidadanía en xeral”, concluíu.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...