Vintecinco tendas forman parte inicialmente da plataforma web de venta online do CCA de Foz, que foi presentada esta tarde na casa da cultura.
As persoas interesadas en facer as súas compras a través deste formato poden visitar este centro comercial virtual en www.compraenfoz.com, onde atoparán os escaparates individuais dos negocios participantes con fotos dos produtos e textos. As tendas dispoñen de carriño da compra e realización de pedido online, entre outras posibilidades. As condicións de venta serán definidas por cada tenda: os prazos de entrega; os custes de envío; as devolucións; as formas de pago a través de Paypal, TPV virtual, transferencia, contra reembolso; así como o seguimento online dos pedidos.
Os negocios adheridos á plataforma web de venta online son: 5 Lobiños, Vagaluz, Sueños, Arrullos, N1, Sensación Surf, Living Sport, Chuvia, Ginzo Mujer, Saint Tropez, Ginzo Hombre, Calzados Pirde, Don Zapato, Zapatería Carmen León, Mapfre, Cenor Belianorte, Amarena, Anduriña, Decoraciones Pura, Kukadas, Ofifoz, Librería Bahía, Buxo Xogos, Iria Rodríguez e Suministros Veipa.
TODO TIPO DE PRODUTOS
O presidente de Acia/CCA de Foz, José Carlos Paleo, dixo que “o que queremos é achegarlle o noso comercio á clientela de Foz para que poida facer as súas compras a golpe de clic e sen ter que desprazarse ata as tendas. Os clientes teñen que saber que se queren unha atención mais personalizada e directa o que teñen que facer é achegarse en persoa ata os comercios da nosa vila. Pero si xa ten claro o que precisan, non están en Foz ou aínda estando aquí prefiren consultar nas súas casas os produtos que atoparán nas tendas tranquilamente poden facelo a través da web”.
Paleo engadiu que no “centro comercial virtual” haberá comercios de moda infantil, deportes, moda muller e home, zapaterías, seguros, electrodomésticos, pastelerías e panaderías, fogar, pesca, librerías e xogueterías, xoierías, fontanería e calefacción”.
“AGARDAMOS QUE SE SUMEN MÁIS PARA COMPETIR COAS GRANDES PLATAFORMAS”
O presidente do Centro Comercial Aberto de Foz agarda que “sexan máis o que se sumen á venta online. So así poderemos competir coas grandes plataformas, que xa levan tempo facéndoo”, concluíu.
No acto deste xoves participaron o alcalde, Fran Cajoto, o concelleiro de Comercio, Chema Linares, o presidente do GDR Terras de Miranda, Vidal Martínez-Sierra. Tamén asistiron os portavoces municipais na corporación municipal así como membros da directiva do CCA e representantes dos comercios que se adheriron a este proxecto. Na posta en marcha desta iniciativa do CCA colaboran o Concello de Foz e a Xunta de Galicia.
ALCOA, PRESENTE NA REUNIÓN DE VIVEIRO
A presidenta do Centro Comercial Histórico de Viveiro (CCHV), Dolores Pérez Santos, trasladoulles algunhas das inquedanzas do colectivo, os desafíos no curto-medio prazo así como os plans para a dixitalización nos que están a traballar actualmente.
A situación da multinacional Alcoa “tamén estivo presente no encontro, desde a asociación fíxose unha proposta de colaboración ao Concello de Viveiro para traballar conxuntamente na reactivación do tecido empresarial e da cultura emprendedora do municipio, que foi moi ben acollida por parte da alcaldesa e da concelleira de comercio”, remarcou.
Pérez Santos valorou o encontro xa que “sirve para fortalecer os nexos coa concellaría de comercio, mellorar a comunicación entre os comerciantes e o concello e, sobretodo, para fixar as bases do traballo conxunto que se vai a realizar a medio longo prazo para recuperar o liderado emprendedor de Viveiro”.