Logo do debate electoral da noite do pasado luns, a Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) organizou catro debates provinciais de cara aos comicios autonómicos do 12 de xullo. As sete principais candidatas e candidatos pola circunscrición de Lugo participaron neste encontro, protagonizado pola situación de Alcoa e polo modelo de xestión das residencias de maiores.
O debate, moderado polo xornalista Francisco López Iglesias, foi gravado o 30 de xuño e a TVG escolleu as dez da mañá de hoxe para a súa emisión [preme aquí para velo], unha decisión criticada polo colectivo de traballadores ‘Defende a Galega‘. Precisamente, esta plataforma que reivindica a independencia da TVG estivo presente no debate xa dende o minuto de apertura, con apoios explícitos de Miguel Anxo Fernán Vello (Galicia en Común-Anova-Mareas) ou Patricia Otero (PSdeG).
Esa primeira intervención de cada candidato serviu como termómetro para o resto do debate. A tranquilidade de Elena Candia (PPdeG); unha perspectiva diferente e ambiental na participación de Iván Rodríguez Lombardero (Marea Galeguista); unha imaxe de preparación e ilusión de Olalla Rodil (BNG); unha sensación de certa incomodidade e pouca naturalidade nun José Ángel Gómez (Ciudadanos); e un calco de Sonia Teijeiro (Vox) do discurso que xa vimos por parte do seu candidato o pasado luns.
Preme abaixo para ler a crónica completa de Silvia López.
O debate electoral de Lugo para o 12-X: as residencias de maiores e Alcoa como protagonistas