O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o brote de Covid-19 detectado na Mariña está experimentando unha “pequena regresión”, con menos pacientes en seguimento e menor ritmo de positivos detectados, aínda que un maior número de ingresados, polo que suscitou, en coordinación cos expertos e se se manteñen os datos, a posibilidade de “abrir parte da Mariña” e avanzar cara a un peche “máis selectivo” da área.
En declaracións aos medios tras manter unha reunión co comité clínico de espertos, o xefe do Executivo galego cifrou en 121 as persoas positivas en relación a este brote e en 942 os contactos que seguen en seguimento e illamento, dos que 279 terminaron o seu período de corentena.
En canto aos datos positivos, avanzou que, das 80 PCR realizadas este luns na área, só tres deron positivo, o que indica unha porcentaxe do 4,5%, inferior ao 20,5% da xornada anterior. Esta tendencia “favorable”, explicou o presidente, sera analizada polos expertos durante as próximas 48/72 horas para determinar se se manteñan as medidas como ata agora ou se modifican.
Se se confirma a tendencia decrecente na cifra de novos contaxios, Feijóo indicou que unha das posibilidades é establecer un peche “máis selectivo” da área, abrindo parte da Mariña e mantendo clausurada perimetralmente a zona máis afectada. Nesta liña, precisou que o 90% dos casos sitúanse en tres concellos –Burela, Foz e Xove-, mentres que outros seis teñen, entre todos, 13 positivos, e cinco non rexistraron ningún.
“NON CONSTA” QUE O BROTE TEÑA “VINCULACIÓNS” COAS MANIFESTACIÓNS DE ALCOA
Feijóo manifestou, sobre se hai indicios de que o rebrote da Mariña teña vínculos coas manifestacións de Alcoa -coa planta de aluminio ameazada de peche-, que “non consta iso” en concreto e esgrimiu que no foco desta comarca “conflúen o lecer, o turismo e traballo”.
“Non nos consta iso”, respondeu Feijóo, á pregunta de se teñen indicios de que o brote da Mariña puidese ter vinculación con algunha das manifestacións de Alcoa.