O Xulgado do Contencioso-administrativo Número 2 de Lugo ratificou as medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade en materia de saúde pública na Mariña, para frear a propagación do brote de coronavirus detectado o pasado 23 de xuño na comarca.
O peche decretado, coa finalidade de controlar a transmisión do coronavirus no distrito sanitario da Mariña, formado polos municipios de Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove. Ademais, a xuíza rexeitou no auto ordenar ás Forzas e Corpos de Seguridade que presten auxilio preventivo e, no seu caso, coercitivo, proporcionalmente, para facer efectiva a execución das medidas adoptadas.
O PECHE PERSEGUE “UN FIN LEXÍTIMO”
“Considero que non suscita debate que a medida solicitada persegue un fin constitucionalmente lexítimo; que a súa adopción se atopa amparada por unha norma con rango legal; e que existe proporcionalidade, de maneira que é idónea e necesaria aos fins constitucionalmente lexítimos que se pretenden, sen implicar un sacrificio desmedido”, destaca a maxistrada, quen lembra que “vai ser obxecto de avaliación continuada cada cinco días e pode ser deixada sen efecto se os datos arroxados cos medios que se dispoñen así o aconsellan”.
A titular do Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo destaca que a actuación do Goberno galego está xustificada polo “alto nivel de contaxios existente“, así como pola “rápida propagación” do coronavirus, pois cando a ratificación da medida foi solicitada pola Xunta constaban 99 persoas infectadas na zona.
No auto, a xuíza insiste en que é “prudente” avalar as medidas preventivas adoptadas, “sen facer exclusión dalgún municipio no que o virus tivese aínda pouca incidencia“. Así, indica que é “lóxico pensar” que ao ser contiguos territorialmente, se poida producir “un intenso tránsito ou intercambio entre eles”. A maxistrada tamén apunta que, á hora de executarse as medidas sobre a superficie afectada, “se podería dificultar a súa efectividade e, mesmo, o labor das forzas e corpos de seguridade de vixiar o transvasamento circulatorio” se algúns municipios da Mariña quedasen excluídos.
En canto á denegación de ordenar ás Forzas e Corpos de Seguridade que presten auxilio preventivo e, no seu caso, coercitivo, a xuíza advirte que non lle corresponde a ela “inmiscirse no labor de coordinación” dos efectivos que se encargan de acometer a orde da Xunta. Así, considera que é “unha tarefa administrativa e non xudicial“.
INFORME
No auto, cítase un informe do Subdirector Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, con data do 4 de xullo, no que se asegura que “non se pode descartar unha transmisión comunitaria de baixa intensidade allea ao brote, debido aos casos que aínda non se poideron relacionar con el”, e que “á vista dos datos, as medidas actuais dispostas para controlar a transmisión fracasaron ou non foron suficientes para impedir que a infección se difundise”.
Unha posibilidade de transmisión comunitaria que descartou, horas máis tarde da presentación dese informe, nunha rolda de prensa celebrada en Lugo o conselleiro de Sanidade.