O oito alcaldes do PSdeG-PSOE e dous do BNG dos concellos afectados polo peche na Mariña, bisbarra clausurada desde o pasado luns durante cinco días debido a un brote de coronavirus con 144 casos, acordaron pedir o “atraso” das eleccións autonómicas deste domingo nos seus municipios ata “garantir o exercicio do voto en condicións seguras e legais”.
Asinan o acordo Edmundo Maseda (do PSOE, alcalde do Valadouro), Mayra García Bermúdez (PSOE, Trabada), José Luis Pajón (PSOE, Ourol), Jorge Val (PSOE, Alfoz), Fran Cajoto (PSOE, Foz), María Loureiro (PSOE, Viveiro), Alfredo Llano (PSOE, Burela) e Rocío López (PSOE, Lourenzá), e Fernando Suárez Barcia (BNG, Ribadeo) e Ana Ermida (Barreiros, tamén da formación nacionalista).
Estes rexedores representan a 10 dos 14 municipios do distrito sanitario da Mariña Lucense. Os restantes, todos do Partido Popular, son Alfonso Villares (Cervo), Demetrio Salgueiro (Xove), Jesús Novo (O Vicedo) e Manuel Otero (Mondoñedo).
REPRESENTAN AO “81%” DA POBOACIÓN
No texto, os rexedores da bisbarra remarcan que representan “ao 81%” dos habitantes do distrito sanitario, un total de 55.000 persoas, e critican a “ausencia de compromiso” e “falta de transparencia” da Xunta de Galicia.
Así o ratificaron Llano e Suárez Barcia, que consideraron que os comicios deste 12 de xullo “non deben celebrarse” este domingo na Mariña, posto que o protocolo de eleccións autonómicas “foi elaborado para unha situación de nova normalidade” que “non se dá” na comarca, posto que “os contaxios seguen en aumento” e poderían votar “persoas en seguimento por risco directo” de infección.
Por iso, os alcaldes socialistas e os do BNG da Mariña asinaron este documento nunha reunión este mércores para solicitar ao presidente da Xunta, o popular Alberto Núñez Feijóo, e á Xunta Electoral que o “atraso” dos comicios deste domingo debido ao brote de coronavirus.
NON HAI “CONFIANZA” PARA CELEBRAR OS COMICIOS
O rexedor de Burela reivindicou que “a Xunta asuma a súa responsabilidade e anule as eleccións” na Mariña porque “non hai motivación e confianza“. “Aínda poden subir os casos. Están a facerse PCR a colectivos vinculados ao primeiro brote”, destacou, para indicar que o foco “non está controlado”.
Nesta liña, Suárez Barcia explicou que como alcalde ten que estar “por riba da política” pola súa “responsabilidade sobre os que os votan, votaron ou votarán”. Por iso, cre “unha temeridade e ilegalidade consentir que un milleiro de persoas que, por prescrición médica están confinados, poidan ir a unha mesa electoral”.
Respecto diso, comentou que as persoas que teñen que estar “doce horas en mesa electoral recibindo centos de persoas” están expostas porque “pode ir xente co virus” a votar, feito que ve “intolerable“. “Paréceme unha irresponsabilidade e temeridade”, subliñou.
LEMBRAN A SUSPENSIÓN DAS CAMPAÑAS ELECTORAIS
“Son o representante de todos os veciños deste Concello e por seguridade pública non é adecuado”, asegurou sobre a celebración dos comicios, porque “non se dan as circunstancias e pode ser unha carnicería“, prosegue Suárez Barcia.
Por iso, defenden estes alcaldes “con todos os argumentos legais, non opinións, que as eleccións deben ser aprazadas”, sentenciou o alcalde de Ribadeo. “A xente da Mariña non debe ir votar por seguridade”, concluíu tras lembrar que se suspenderon as campañas electorais nesta comarca.
“AS NOSAS COMPETENCIAS SON RELACIONADAS COA SALUBRIDADE”, RECORDAN
Por outra banda, no documento os alcaldes demandan á Xunta que asuma a súa responsabilidade no control do cumprimento das medidas adoptadas con motivo do peche desta comarca polo brote.
Respecto diso, lembran que o 13 de marzo constituíuse “un mando único na Xunta” e, matizou o rexedor de Burela, “non corresponde” aos alcaldes esa responsabilidade de control, senón ao Goberno autonómico.
Os gobernos locais asinantes reclaman ao respecto “a constitución con carácter urxente para garantir a operatividade das medidas dun centro de coordinación presidido polo Plan Territorial de Emerxencias de Galicia”, formado por representantes das Administracións municipais, autonómica e estatal.
“Declaramos a imposibilidade de asumir en condicións de seguridade para os veciños as competencias atribuídas”, remarcan, para lembrar que “segundo o espírito da lei”, as administracións municipais, “unicamente son responsables do relacionado coa salubridade dos seus concellos: lixo, limpeza viaria ou ruído ambiental“, polo que “non contamos” cos “medios suficientes para garantir novas prestacións”. Podes ler a carta nesta ligazón: doc17287420200708153707