IniciosociedadeO comercio de Viveiro pon “toda a carne no asador” para saír...

O comercio de Viveiro pon “toda a carne no asador” para saír adiante nun verán marcado polo brote

As tendas do Centro Comercial Histórico califican de “crítica” a situación actual e defenden as vantaxes que ofrecen con respecto aos negocios en liña

Publicada o

JUAN MAYA. “A vida pon probas e hai que superalas; virán tempos mellores, pasará o inverno, atoparán unha vacina e o coronavirus quedará como unha anécdota que contar aos nosos netos”. Así opina a rexente do establecemento de roupa infantil e xuvenil viveirense Mimimó, Natalia Rubal. O Centro Comercial Histórico (CCHV) de Viveiro tenta saír adiante nun verán atípico marcado polo brote que se produciu nas últimas semanas na Mariña e pola cancelación de actos multitudinarios.

O BROTE, UN REVÉS

Malia que a día de hoxe Viveiro non é o municipio máis afectado pola pandemia, os estragos xa causados poden supor un duro revés para moitos establecementos do concello, que ven como os ingresos caen nun dos momentos nos que adoitaba haber máis afluencia de persoas. Pola súa “curta experiencia laboral” —a inauguración da tenda foi hai dous meses—, Rubal non pode comparar as vendas actuais coas que rexistraría durante o inverno. “A campaña de primavera perdina toda e puiden vender un pouquiño en xuño. Agora estou co 30% das rebaixas, practicamente regalando o produto”, lamenta. A rexente da tenda explica que “non é que non haxa clientes, é que na rúa non hai xente”. Rubal califica a situación que vivimos actualmente de “moi crítica” para Viveiro porque o período estival “é unha época moi importante de cara a venda” e o turismo “este fin de semana marchou todo”. “A pouca xente que queda son os que pensaban pasar aquí o verán”, engade. No establecemento traballan tres persoas: “eu, que son autónoma, e dúas empregadas. Temos un local de 120 metros cadrados e ao ser multimarca precisamos unha persoa por planta para poder atender aos clientes de xeito personalizado”, explica.

O CONSUMO RETRAEUSE

Rubal conta que, no caso de ter que facer unha reestruturación, antes “acurtaríamos ou axustaríamos as horas dos que estamos traballando agora”. “O obxectivo para este ano é manter a tenda aberta e non pechar”, asegura, e considera que despedir aos empregados sería “a medida máis drástica”, a última a tomar. “A gran maioría dos pais dinme que están aproveitando roupa do ano pasado e que só se quedan sen roupa, de xeito puntual, veñen á tenda buscala”, apunta. “En principio creo que hai moito medo á compra, moitísimo medo ao gasto innecesario, non só pola Covid, tamén pola situación de Alcoa”, admite. Rubal pensa que a baixada no número de pedidos non só afectou ao comercio tradicional. “Estamos sufrindo todos”, expón, “creo que as grandes plataformas nestes momentos tamén están pasando apuros”. Aínda así, pensa que non se poden comparar con elas porque a produción das grandes marcas é “moitísimo maior ca nosa”. A titular do negocio pensa que a baixada na demanda pode deberse a que xa “non hai parques, nin hai eventos e non se sae comer aos restaurantes”.

AS VANTAXES DO PEQUENO COMERCIO, “TODAS”

Os clientes que o desexen poden mercar sen desprazarse até a local de Mimimó accedendo á súa tenda en liña dende un teléfono intelixente ou ordenador. Rubal apunta que toda a mercancía dos pedidos sae do seu almacén, “non de Madrid ou Barcelona”. Coa intención de axudar na situación que estamos vivindo “coa pandemia e a fábrica”, “non lle cobramos o envío a ninguén que viva na Mariña” porque o “asumimos nós”. Malia que o comercio tradicional non ten “nin o posicionamento nin o márketing nin os recursos doutras empresas”, as vantaxes de mercar nas tendas físicas son “todas, absolutamente todas”. “Eu como usuaria de compra online e en tenda, creo que a facilidade que se lle da ao cliente no pequeno comercio é total”. Incluso “hai veces nas que deixamos levar o produto á casa e pagalo máis tarde”, expón.

UNHA SITUACIÓN “TEMPORAL” DE MEDO

“Vivimos a máis dunha hora de calquera centro comercial e cada un ten que valorar se lle interesa meterse nun centro comercial, botar combustible ao coche, vixiar que os nenos non toquen nada…”, explica a empresaria. Os comerciantes están “intentando atraer aos clientes á pequena tenda porque “os necesitamos” e engade que están poñendo “todo da nosa parte, temos toda a carne no asador”. “Todo o mundo di que virán tempos mellores, que xa se iso recuperaremos, pero agárdanse para dentro dun ano”, apunta a titular da tenda. “O golpe de Alcoa é a longo prazo, é algo que iremos vendo pouco a pouco, pero o da Covid non o esperabamos e é como unha labazada a man aberta, sobre todo polos turistas que marcharon”, explica. “Este proxecto fíxose para dar emprego e imos continuar así”, afirma. Rubal amósase optimista e considera que “temos que aguantar como sexa, apostamos polo traballo e polo emprego local e confiamos no cliente e en que imos saír adiante“. Todo semella que a situación que vivimos será “parte da historia da nosa xeración, tal e como foi no seu momento a gripe española”. “É unha situación temporal de medo e imos a pouquiños e con moita paciencia”, conclúe.

“PERDIMOS TODO O TURISMO”

“A semana pasada notábase que xa tiñamos xente de fóra, tanto nas vendas como nas rúas, e foi chegar o luns pola mañá e ver que estabamos os de Viveiro e ninguén máis”, así o explica a rexedora da tenda de decoración Baühaüs, Mónica Irimia.
Mónica Irimia, de Baühaüs, atendendo a unha clienta. JUAN MAYA
Perdimos absolutamente todo o turismo que tiveramos ata agora e estamos sobrevivindo ca xente de Viveiro e a maioría deles non adoitan saír e estanos resultando moi difícil”, lamenta. No momento de responder á chamada telefónica, Irimia atópase na rúa e considera que “semella un día de principios de outubro, nin sequera primavera: o día está gris e non hai xente”, a diferencia do ano pasado, no que “saías e tiñas que ir esquivando á xente que viña ao Resu”, “este ano non esquivas nin aos de Viveiro”.

“O COMERCIO AXUDA A QUE VIVEIRO ESTEA VIVO”

“Os comercios axudamos a que Viveiro estea vivo”, asegura. “Eu imaxino que é moi negativo para toda a comarca deixala baleira de comercios e iso aféctanos a todos”, prosegue. “O mes de xullo dámolo por perdido porque a xente colleu medo e marchou, e a que tiña pensado vir, vai anular”, indica a titular do negocio, que considera que Viveiro este ano non será “destino turístico e veremos que pasa en agosto, que sempre foi o noso mes máis forte”. “Cando nos incorporamos ao traballo despois da Covid a xente volcouse e saía e intentaba mercar no pobo”, pero “foi saír o anuncio de Alcoa e a xente puxo automaticamente o freo de man”. Considera que é “normal” e que resultará nunha “perda de cartos en circulación” que afectará “directamente aos consumidores e aos establecementos” porque na Mariña “todos dependemos da fábrica”. Irimia adoita contratar unha empregada non meses de máis afluencia de xente, pero este ano estará ela soa “todo o verán”. “Os alugueres en Viveiro están polas nubes e a ver a finais de xullo os números que saen”. Mónica pensa que “contra as plataformas nada podemos facer e menos nestes momentos”. “Seguen funcionando e imaxínome que a xente lle resulta máis sinxelo facelo dende o sofá da casa”, admite. “Se ti tes medo a saír á rúa e podes estar tranquilamente no teu domicilio mirando algo que che fai falta, branco e en botella”, confesa.

AFOROS REDUCIDOS

Na tenda Baühaüs aínda se mantén a reducción do 30% do aforo no local para evitar que esteña “saturado” e engade que todo o que os clientes tocan “se deixa a parte para desinfectalo” e que para entrar na tenda é obrigatoria a máscara. Asegura que estiveron pendentes “desde o primeiro día” de que se cumpriran as normas e que á maioría da xente “non hai que dicirlle nada, en canto entran, xa buscan onde se atopa o dispensador”. O verán era un dos periodos do ano máis agardados polos comerciantes porque “setembro, outubro e novembro serán uns meses baixos en vendas para os comercios”. “Imos dun mes para outro, pero se ningún momento do ano che levanta un pouco a caixa é fastidiado”, lamenta.

CUN OLLO EN AGOSTO

“Este mes é fatal, xa estamos todos mentalizados”. “Queremos pensar que vai haber unha pequena recuperación en agosto”. Explica que era un mes “no que viña moita xente que ten aquí o piso ou a familia” e que, se este rebrote “se supera e non aparece outro”, será o mes “que nos salve”. “Agardo que non haxa ningún rebrote máis, porque inténtase crear un hábito de ir a tendas e no momento no que se produce vólvese atrais e hai que mentalizarse de novo”, comparte a empresaria. “A xente ten medo e é normal que o teña”, afirma. “Este rebrote pasou xusto cando estabamos empezando a recibir aos primeiros turistas” e considera que lles “partiu o verán”. “Só pedimos non dar ningún paso atrais”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...