Vinte e un positivos máis no brote da Mariña para 165, segundo o Sergas

Sanidade contabiliza cinco pacientes que permanecen ingresados no Hospital Público da Mariña, todos en planta

Proba de Covid-19. EFE

O número de casos activos no brote de coronavirus da Mariña Lucense continúa en aumento. A Consellería de Sanidade confirmou ao mediodía deste xoves outros 21 positivos, para un total de 165. No mesmo reconto oficial, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) anunciou que se produciron 25 “altas epidemiolóxicas” de persoas deste foco que resultaran infectadas de Covid-19.

Dos 165 casos confirmados polo Sergas no distrito sanitario da Mariña, con 14 concellos pechados desde o pasado luns, “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Destas 165 persoas, cinco requeriron de ingreso no Hospital Público da Mariña e permanecen en planta “cunha evolución favorable”.

As persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. O Sergas destaca que “máis de 300 delas xa recibiron tamén a alta epidemiolóxica” tras superar o período de illamento e non desenvolver a enfermidade.

Sanitarios da Mariña Lucense cuestionaron as cifras ofrecidas polo Sergas, falando dun maior número de casos na bisbarra. Segundo puido saber o Xornal da Mariña, este mediodía documentábanse un total de 182 positivos só nos municipios de Foz, Alfoz, Cervo, Xove, Ferreira do Valadouro e Burela, que supón o principal foco de coronavirus da bisbarra, por riba dos cen casos.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here