O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, informou este sábado de que a Consellería de Sanidade comunicou aos afectados quen non pode ir votar nas eleccións ao Parlamento galego deste domingo por dar positivo por coronavirus ou estar á espera do resultado das probas. Apelou á súa “responsabilidade”, posto que non se establecerá un dispositivo de vixilancia para controlar que non rompan o illamento.
En declaracións aos medios tras visitar o centro de prensa para a xornada electoral, Rueda sinalou que “comparadas co resto do censo, non son un número significativo” e referiuse a que “non chega a 300“.
De acordo cos datos aportados este sábado pola Consellería de Sanidade, hai 259 casos activos con Covid-19 en Galicia -positivos que non poderían ir ás urnas, salvo que reciban a alta antes–, pero o dato concreto de canta xente non poderá exercer o seu dereito ao voto non está calculado porque os que están pendentes de proba varían constantemente, explicaron fontes da Xunta.
SEN ALTERNATIVA PARA EXERCER O SEU DEREITO
“A esas persoas non se lles vai a poñer vixilancia, pero seguro que entenden que, polo seu propio interese e polo do todo o mundo, non poden acudir aos colexios electorais”, insistiu Rueda. A Xunta non habilitou ningún tipo de alternativa para que as persoas positivas ou probables poidesen votar, malia contar con tempo para a elaboración dun protocolo, pois as eleccións autonómicas aprazáronse o 16 de marzo.
FEIJÓO ANIMA A VOTAR CON “TRANQUILIDADE”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, apoiouse nos datos oficiais ofrecidos polo Sergas do brote da Mariña, afectada afectada por un abrocho de coronavirus con 186 casos confirmados, para insistir en que “está diminuíndo a incidencia do virus” e animar á xente a votar con “tranquilidade”.
Feijóo valeuse no menor incremento de positivos, catro con respecto ao anterior reconto oficial, e nas tres altas que se deron a pacientes Covid-19 no Hospital Público da Mariña, para afirmar que “seguen as boas novas”, cando na última semana o número de casos no brote da Mariña aumentou de 85 a 186.
O SUPREMO VE “XENÉRICA E INDETERMINADA” A IMPUGNACIÓN DOS COMICIOS
Por outra banda, o Tribunal Supremo desestimou a medida cautelarísima solicitada pola coalición electoral Galicia en Común-Anova Mareas contra a decisión da Xunta Electoral Central (JEC) de manter a votación das eleccións autonómicas este domingo na comarca.
O auto da sección cuarta da sala do contencioso do Supremo responde a unha solicitude da coalición que encabeza Antón Gómez Reino (Podemos) contra a resolución da JEC que acordou manter os comicios galegos deste domingo na comarca lucense. Segundo o alto tribunal, “o exame da cautela solicitada pon de manifesto o seu carácter absolutamente xenérico e indeterminado” e non hai no seu escrito “unha verdadeira pretensión cautelar”, polo que a sala cuarta resolve desestimar a medida cautelarísima solicitada. Podes ler a información completa no Galicia Confidencial.
SESENTA SANITARIOS DA MARIÑA ASINAN POLO APRAZAMENTO
Finalmente, uns 60 sanitarios asinaron contra a celebración dos comicios ao entender que supoñen un risco para a propagación do coronavirus.
Os sanitarios, que se dirixen ao presidente da Xunta de Galicia, afirman estar “francamente preocupados polas manifestacións do conselleiro de Sanidade de que pacientes en corentena poidan acudir aos colexios electorais rachando o illamento indicado; pode xerarse un problema de saúde pública“, resaltan. Só na Mariña calcúlase que hai arredor de 700 confinados nesta situación, con corentena preventiva.