EFE. Os traballadores do complexo industrial da localidade lucense de San Cibrao da multinacional Alcoa iniciaron a primera hora da mañá deste luns unha carreira simbólica para reclamar unha intervención pública fronte aos plans da empresa de aplicar un Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que significaría o despedimento de máis de medio milleiro de empregados, ademais doutros 400 de empresas auxiliares.
O persoal pretende percorrer 1.000 quilómetros, contabilizando os que efectúan individualmente cada un dos mil traballadores desa fábrica na comarca lucense da Mariña.
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, indicou a Efe que establecerán quendas de non máis de dez persoas e cada traballador dará tres voltas a un circuíto situado no aparcadoiro da factoría, para completar cada un a distancia dun quilómetro, entre as 08.00 e as 18.00 horas.
Zan sinalou que a dirección en España da multinacional estadounidense Alcoa declinou” o “ultimátum” do Goberno central e indicado que “non está disposta a vender” a fábrica de aluminio primario de San Cibrao.
O comité de empresa apoia, segundo Zan, “unha intervención ou unha nacionalización” da fábrica, xa sexa mediante unha entrada “total ou parcial no capital da empresa”, de forma temporal ou definitiva.
Zan indicou que partidos como o BNG ou Podemos e ata a Xunta, gobernada polo Partido Popular, pronunciouse a favor, de xeito que “só falta por decidirse o Goberno”.
REIVINDICACIÓN NAS ELECCIÓNS
Os traballadores continúan as protestas despois de que o pasado domingo votasen nas eleccións autonómicas cos traxes de faena, na que se converteu nunha das imaxes da xornada electoral galega.