Desde o Concello, a concellaría de Servizos Sociais colaborou no posible cos confinados, levando a compra a casa, os medicamentos, mesmo se prestou axuda para cousas tan cotiás como baixar o lixo. Así o explicou a concelleira da área, Carmela López, quen sinalou que durante o brote houbo “familias confinadas que non contaban con ningunha axuda externa“.
López remarcou que o concello deseñou un protocolo de actuación durante a pandemia, que serviu agora co rebrote para atender aos confinados. “Durante o estado de alarma púxose en marcha un protocolo para persoas vulnerables, que se retomou. A quen o necesite recólleselle o lixo, cómpranselles alimentos e medicamentos e tamén estamos pendentes e ás veces chamamos a ver se necesitan algo. Mesmo onte axudamos á compra dunha bombona de butano“, manifestou.
En canto ás consecuencias económicas do rebrote na corentena, López indicou que “de momento non se notou un aluvión”, aínda que aventurou que “se verá o impacto en breve”, ao que engadiu que xa son varias familias que a consecuencia da pandemia solicitaron axuda por “problemas económicos” por perda de emprego, Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (Erte) e situacións similares.
TRABALLOS DE EXPOSICIÓN AO VIRUS
Doutra banda, moitos dos afectados polo rebrote, segundo transcendeu, foron membros da comunidade caboverdiana cunha ampla presenza desde hai anos nesa localidade. Moitos forman parte das tripulacións da frota do porto desa localidade e outros traballan en hostalería, ou en servizo doméstico.
As asociacións culturais Batuko Tabanka e Batuko Rabentola puxeron de relevo que o rebrote “xerou unha situación complicada” debido a que co brote “nalgúns casos non hai ingresos, porque non se pode traballar ou os ingresos baixaron”.
Como membros destas asociacións e parte activa da comunidade, Santinha Gómes e Alicia Monteiro, destacan que aínda que cada familia ten as súas circunstancias, “está a pasarse mal e vai ser difícil saír desta”.
En todo caso, congratuláronse de que, no medio destas circunstancias, os afectados contaron coa colaboración da comunidade, “para todo o necesario”, e tamén con veciños e Concello.