Un caso novo e trece altas no brote da Mariña, o que reduce os positivos a 151

O número de casos confirmados no foco da bisbarra descendeu en 33 nos últimos dous días, segundo a estatística oficial

Unha sanitaria do Hospital da Mariña disponse a facer unha proba. ELISEO TRIGO/EFE

O número de casos activos de coronavirus no brote da Mariña descende a 151, segundo o reconto oficial do Servizo Galego de Saúde (Sergas). A Consellería de Sanidade concreta que “das 80 PCR realizadas na última xornada, só unha foi positiva”. Documéntase así un caso novo despois de que onte -por primeira vez desde que se comunicou o foco, o pasado 23 de xuño- non se documentasen novas infeccións. Con todo, as trece altas dadas fan que o número de contaxiados confirmado baixe significativamente. O balance nos últimos dous días é de 33 afectados menos.

O Sergas remarca que “todos os novos positivos que se foron detectando nesta área estaban relacionados co brote”. Dos 151 casos activos, “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, concreta o Sergas, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días.

Dúas persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña, ambas en planta, a súa evolución é “favorable”.

Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos hai 534 persoas en seguimento domiciliario, 50 menos ca onte.

No tocante á residencia de maiores de Burela, onde se detectou un positivo, o dunha traballadora substituta, por agora non se documentan máis casos entre o persoal nin tampouco entre os 88 residentes.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here