Baixa o número de casos activos na Mariña, 140, pero aumentan a cinco os ingresados

Segundo o reconto do Sergas documentáronse tres positivos novos e déronse 14 altas

Sanitarios realizan probas de detección de coronavirus en Burela. EFE/ELISEO TRIGO

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) confirmou este xoves 140 casos activos de coronavirus no brote da Mariña, once menos dos facilitados no reconto oficial do pasado mércores, cando comunicou 151. Nas 92 PCR realizadas na última xornada, concreta a Consellería de Sanidade, documentáronse tres casos novos e 89 persoas negativas. Ademais, déronse 14 altas no último día, para “máis de 70” desde o pasado 23 de xuño, cando se informou do foco.

Dos 140 casos activos “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Cinco persoas con Covid-19 atópanse ingresadas no Hospital Público da Mariña, todas en planta, e a súa evolución é “favorable”, concreta o Sergas. Aumenta así a presión asistencial sobre o centro hospitalario de Burela, onde no cómputo ofrecido onte contabilizábanse dous ingresos motivados pola pandemia.

524 PERSOAS CONFINADAS

Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos, precisa Sanidade, hai 524 persoas en seguimento domiciliario, dez menos ca onte.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here