A CIG denuncia que o Hospital Público da Mariña queda sen especialistas en uroloxía durante a segunda quincena de xullo e a segunda quincena de agosto, “o que na práctica supón a paralización e suspensión de todas as consultas, revisións e operacións cirúrxicas“.
“Así o reflicte unha circular emitida pola dirección do Hospital da Mariña, onde ademais indica que para calquera consulta hai que poñerse en contacto telefonicamente co Hospital Lucus Augusti”, explica o sindicato nacionalista.
CIG Saúde A Mariña esixe á directora do distrito sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, “que exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa demisión”.
A central nacionalista considera que “debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública”, e por iso anima anima a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.
O sindicato cargou contra a Xunta de Galicia, dado que cando se aprobou a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña argumentou que “lonxe de debilitar o Hospital da Mariña, (a norma) permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular”, sinalan.
“Poden indicar como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia”, pregunta a central.
ATENDERANSE “OS PROCESOS QUE NON POIDAN ESPERAR”
A consellería de Sanidade, pola súa banda, asegura que “non hai dispoñibilidade de profesionais para cubrir substitucións“, polo que “reaxustouse e adaptouse a actividade do servizo de uroloxía. O servizo de uroloxía do HULA dará cobertura asistencial durante eses días aos habitantes da Mariña para todos os procesos que sexan urxentes e non poidan esperar. Polo tanto, a asistencia sanitaria está totalmente garantida durante ese tempo”, argumenta.