A Mariña convida aos viaxeiros a “volver encontrar o Norte”

A Mancomunidade abre unha campaña de promoción para reactivar a economía na que posiciona a comarca como destino a descubrir, ideal para "liberarse" da tensión do coronavirus

Presentación da campaña, con Cajoto, Hermida e Paleo. AXM

Volve a encontrar o Norte é o nome da nova campaña que a Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense lanza para axudar na promoción e reactivación turística do xeodestino co obxectivo de reducir o impacto que a crise sanitaria está tendo nesta comarca, cun brote de coronavirus que obrigou a pechar a bisbarra o pasado 5 de xullo e mantén por agora illada a vila de Burela, e afianzar a Costa de Lugo como opción nunha época na que os xeodestinos dentro do Estado gañan aínda mais peso dentro da oferta turística.

A campaña, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, pretende reivindicar A Mariña Lucense como un xeodestino “no que o visitante pode atoparse a si mesmo e descubrir o seu Norte particular”, despois duns meses nos que a sociedade tivo que soportar situacións de enorme tensión e incerteza a causa da crise da Covid-19, e máis aínda, nas últimas semanas no distrito sanitario da Mariña Lucense.

SEN AGLOMERACIÓNS

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, dixo que “é unha campaña de promoción turística realmente do que temos. Sen enganar a ninguén destacar unha zona na que o turismo non está masificado, onde podemos desfrutar da natureza, da boa gastronomía, da tranquilidade dos paseos, dunhas marabillosas praias, dun interior tamén con grandes monumentos arquitectónicos”.

O COMERCIO NECESITA UN IMPULSO

Para Cajoto “A Mariña é unha zona para descubrir e penso que o lema da campaña é o idóneo, despois dunha época difícil que pasamos na que tivemos que permanecer nos nosos fogares, redescubrir a sensación de liberdade, un espazo no que podemos respirar, e desde logo a nosa referencia é o norte. Estamos desexando que funcione para que o sector turístico de toda a comarca pouco a pouco recobre a normalidade, é fundamental na nosa Mariña que os hoteis, os restaurantes e os bares volvan vivir tamén e teñan ese rédito dunha época fabulosa que hai aquí como é o verán”, argumentou.

A COMARCA PROMETE “LIBERACIÓN”

A Mariña Lucense ofrece ao visitante liberarse da experiencia desagradable que supuxo o confinamento e deixar atrás as malas novas recibidas no que vai de ano. O xeodestino dálle a posibilidade de afastarse do estrés do día a día, grazas a unha proposta baseada no turismo slow, un xeito sostible de viaxar, que aposta por destinos illados e evita as masificacións para dar prioridade á experiencia do viaxeiro.

O visitante “pode descubrir un enorme mundo baixo o mar, nunha zona de grande riqueza pesqueira e marisqueira; unha gastronomía que aproveita ese produto de primeira para elaborar pratos sorprendentes; e unha cultura que se demostra coñecendo o seu patrimonio, a hospitalidade das súas xentes e a calidade da súa artesanía”, remarca Cajoto.

Na presentación da campaña participaron o presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, a xerente de Turismo da entidade, Tania Hermida, e o presidente da FCAM, José Carlos Paleo. Máis información nos seguintes enlaces: Facebook e Twitter.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here