Case un mes despois de pechar o pasado mes de xuño, cando se detectou un posible caso de coronavirus entre o persoal, finalmente confirmado, Casa Miranda, restaurante do porto de Burela, reabriu o pasado domingo.
Aínda que aos poucos porque “non houbo moita xente” nunha xornada chuviosa, recoñece o titular do negocio, José Prieto, os clientes achegáronse ao establecemento para tomar un café, unha cervexa, un viño ou un vermú, e saúdar aos traballadores dun negocio que abriu hai catro anos e que é “unha familia”, remarca o dono.
ESTAMPA TRANQUILA NO PEIRAO
Por moito que Burela, aínda pechada á entrada de visitantes por mor do brote de coronavirus, estea no ollo do furacán mediático, a estampa do domingo no peirao da vila era tranquila. Xa pola tarde, todas as mesas de Casa Miranda estaban ocupadas, mentres pescadores deportivos botaban un lance entre os impoñentes buques amarrados no porto, como o Villaselán.
“Aínda hai pouquiña xente porque segue a haber medo e tamén porque aínda hai moitas persoas confinadas”, admite Prieto, que resalta que noutro mes de xullo calquera a imaxe sería ben diferente. Polo establecemento achegáronse “os clientes habituais”, indica o titular do negocio: había ganas de verse despois do parón obrigado.
Casa Miranda reabre nos últimos dez días de xullo con todas as medidas preventivas para evitar contaxios e tentando remontar o voo. “Este verán non vai ser coma os de antes, pero o obxectivo primeiro é que cubra as débedas e os salarios, o que hai atrasado. É complicado, porque no momento que comezabamos a repuntar do outro confinamento recibimos este golpe; saímos do lume para caer nas brasas”, salienta.
O negocio reabre despois dun balbordo mediático no que foi sinalado como foco de orixe do coronavirus, unha afirmación que desbotaron as propias autoridades sanitarias. Despois de facer PCR pola súa conta, Prieto retoma unha actividade da que gañan o pan seis persoas.
CAMPAÑA DE APOIO EN FACEBOOK
“A cobertura mediática fíxonos moito dano durante practicamente un mes seguido e a xente aínda ten recelo a saír da casa”, indica Prieto, que lembra que foi “o primeiro negocio en pechar”. Xusto por iso, debeu sofrer os comportamentos derivados do pánico que provoca a pandemia entre as persoas. Tamén, non en poucos casos, atopouse co mellor das mesmas: en Facebook iniciouse espontaneamente unha campaña para recomendar o seu establecemento, que destaca principalmente pola oferta dos froitos do mar: “vén degustar os sabores mariños“, convida.
“Estou moi contento co apoio que tiven. Non o esperaba e estou moi agradecido, porque nestes momentos calquera ánimo vén xenial”, resalta.
“AS ADMINISTRACIÓNS DEBEN AXUDARNOS”, REMARCA O DONO
Ante si o ecuador dun verán complicado non só para el, senón para a comarca. “Elimináronse as reservas que había, e a xente que traballamos na hostalería dependemos tamén do resto; os que damos comida non só nos nutrimos da xente que está por este municipio, senón daqueles que veñen a Ribadeo, Foz, Viveiro, visitar As Catedrais… Eu necesito que lle vaia ben a toda A Mariña; se lle vai ben a todo o mundo, vaime ben a min”, indica Prieto, que convida a consolidar “unha visión de bisbarra”.
E como bisbarra suxire que A Mariña afronte esta crise: “á fin, isto que estamos a pasar é unha auténtica catástrofe. Deberamos pedir todos xuntos e a Xunta, Deputación, o Estado, deberan axudarnos”, resume. Despois acode a servir a uns clientes, esa pequena rutina do día a día tan desexada e tan necesaria.
“Hoxe cociñamos para ti con amor, sen medo a facelo mal. Se non mellor nin tentalo”, é o lema do restaurante.