JUAN MAYA. A concelleira de Obras de Ribadeo, Mónica Freire, declarou este martes que se iniciaron as obras na localidade para acondicionar catro puntos que serán habilitados como aparcadoiros de balde. Os estacionamentos estarán situados nas inmediacións da estación de autobuses e na rúa Ramón González, e tamén se ampliarán as prazas xa dispoñibles no aparcadoiro situado na rúa Julio Lazurtegui e no espazo que hai entre Daniel Cortezón e Pintor Fierros. Estas melloras permitirán ao Concello incrementar o número de prazas dispoñibles en 365.
Para acadar esta cantidade de prazas, acometeranse traballos de “ampliación cun recheo de materiais e mellora de firme, así como sinalización e delimitación de perímetros”.
“Por un lado trátase de mellorar e ampliar en aproximadamente 1.000 metros cadrados o aparcadoiro da rúa Julio Lazurtegui, que contará agora cunha superficie total de 2.500 metros cadrados; tamén estamos a traballar en catro parcelas de máis ou menos a mesma superficie que están situadas detrás da estación de autobuses e que están a desbrozar estos días”, explicou a edil.
“PACIENCIA” PARA AFRONTAR OS INCONVENIENTES
Tamén se creará un novo aparcadoiro na rúa Ramón González e outro co espazo que hai entre as rúas Daniel Cortezón e Pintor Fierros. Estos dous novos suman unha superficie duns 6.000 metros cadrados. A edil lembrou que tamén están “realizando traballos de estacas perimetrais”, polo que pode haber maiores dificultades ao aparcar.
A concelleira solicita paciencia ás veciñas e veciños polos posibles inconvenientes que puideran ter lugar durante as obras. As 365 novas prazas teñen a intención de amortiguar as que se perden os mércores pola “nova ubicación do mercado“ e tamén pola “ampliación das terrazas”. O aparcadoiro municipal conta con 170 prazas.
“A nosa intención é facilitar todo o que poidamos ás persoas que veñan a Ribadeo o aparcar comodamente e facer a nosa vida o máis accesible posible”, concluíu Freire.