A orde: abre Burela, a hostalería pecha unha hora máis tarde e pódese tomar o sol sen máscara

A normativa que rexerá as medidas a fin de conter o brote da Mariña está publicada no DOG

Muller pasea en Foz coa súa máscara. FUNDACIÓN TIC

A Consellería de Sanidade publicou esta tarde no Diario Oficial de Galicia (DOG) a normativa que rexerá durante un máximo de sete días, e desde esta medianoite (00.00 horas), as medidas de prevención na Mariña a fin de conter o brote de coronavirus que afecta á comarca. A orde levanta as restriccións ao movemento das persoas no municipio de Burela, que permanecía illado -con entradas e saídas restrixindas, agás con motivo xustificado- desde o pasado 10 de xullo.

A orde tamén modifica a restrición establecida respecto do horario de apertura da hostalaría e restauración, que se aumenta nunha hora. O peche será como moi tarde á 1.00, e desde as 0.30 horas non se permite a entrada de clientes nin o dispensado de consumicións; esa derradeira media hora será para recoller e desaloxar.

A XUNTA ADMITE QUE NON PODE RELACIONAR TODOS OS CONTACTOS

Con todo, Sanidade mantén certas medidas de prevención dado que “do informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública dedúcese que, a pesar da evolución positiva da situación nos últimos días, no ámbito territorial afectado segue a haber unha importante prevalencia da infección. Así mesmo, debe terse en conta que existen casos que non poden asociarse ao resto dos casos coñecidos, polo que existe o risco de que haxa un certo nivel de transmisión oculta e de que, de reducir as medidas, repunte o abrocho”, admite a Xunta de Galicia.

Estas medidas, xa recollidas na normativa que rexeu o peche da comarca desde o pasado 6 de xullo, sofren algunhas modificacións. Mantense o aforamento máximo do 50% nos establecementos comerciais e profesionais. En bares e restaurantes só se poderá consumir en mesa, non en barra. Os agrupamentos, tanto en espazos públicos ou privados, limítanse a un tope de dez persoas.

No tocante á distancia de seguridade interpersoal, deberá ser de, polo menos, 1,5 metros ou, na súa falta, usaranse medidas alternativas de protección física con uso de máscara e hixiene adecuadas e etiqueta respiratoria.

A PARTIR DE MAÑÁ PODERASE TOMAR O SOL SEN MÁSCARA

O uso de máscara mantense como obrigatorio tanto en espazos públicos coma privados. Na hostalería, só poderá quitarse no momento do consumo. Os titulares dos establecementos, espazos ou locais deberán garantir o cumprimento desta obriga neles.

Exceptúase o uso da máscara nas piscinas durante o baño e mentres se permaneza
nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da
distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes.
En calquera caso, será obrigatoria a utilización deste elemento de protección para os accesos, desprazamentos e paseos nas piscinas.

No tocante ás praias, “exceptúase o uso da máscara nos areais durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado, sen desprazarse, e sempre que se poida garantir o respecto da distancia de seguridade interpersoal entre todas as persoas usuarias non conviventes. En calquera caso, será obrigatorio o uso do elemento de protección para os accesos, desprazamentos e paseos”, concreta a normativa.

Cabe salientar que, malia que se produciron confusións, ata as 00.00 horas, na Mariña mantense a prohibición de quitar a máscara agás no momento do baño, tamén á hora de tomar o solposto que a normativa que rexe na comarca ata a medianoite é aquela específica para conter o brote e non a xeral a nivel galego.

A ORDE REVISARASE NUN MÁXIMO DE SETE DÍAS

“As medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto”, conclúe Sanidade. Podes consultar a orde aquí.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here