A Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, en colaboración co Grupo Chévere, vén de iniciar os traballos para ampliar a oferta de audioguías ficcionadas no xeodestino. Neste caso trátase dos concellos de Alfoz e Lourenzá, con historias locais ficcionadas e un tratamento teatralizado de escenas e personaxes, configurada a partir de información recollida no territorio.
No caso de Alfoz, vaise ter en conta que o 10 de abril de 2020 cumpríronse oito séculos do fuero concedido polo rei Alfonso IX aos poboadores do enclave e, por tanto, celébrase o 800 aniversario da vila de Castrodouro, arredor da cal se creou o concello. A idea é focalizar a audioguía na contorna e no propio Castelo-Torre de Castro de Ouro.
No tocante a Lourenzá, o roteiro focalizarase na contorna do núcleo urbano de Vilanova, construído arredor do mosteiro de San Salvador, coa igrexa de Santa María e un pequeno e interesante rueiro, que dará para falar de feitos e personaxes vencellados á vila, algúns populares e outros históricos como o bispo Villaroel, o conde Osorio ou máis recentemente Xulia Minguillón e Francisco Fernández del Riego.
RECURSO TURÍSTICO
O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, lembrou que “A Mariña Lucense foi pioneira en activar audioguías ficcionadas para os centros históricos de Mondoñedo, Ribadeo e Viveiro, en catro idiomas distintos: galego, castelán, inglés e francés. Agora trátase de dar continuidade ao proxecto”. Para a posta en marcha deste proxecto a Mancomunidade contou co apoio da Xunta de Galicia e a Deputación de Lugo.
As audioguías son un soporte moi espallado no sector turístico, utilizado habitualmente para valorizar o patrimonio histórico e artístico. Son un recurso complementario das visitas con guía e mesmo das visitas teatralizadas. Pero se estas últimas teñen que realizarse en grupo nun horario predeterminado, cun alto custe de produción e un prezo relativamente alto para o público destinatario, as audioguías ficcionadas permiten as visitas individualizadas, en parella ou grupos reducidos e sen cita previa, con custos de produción reducidos, mantemento mínimo e un prezo baixo para o público final.
RECURSO TURÍSTICO QUE SE ADAPTA ÁS ESIXENCIAS POLA COVID-19
Neste sentido, a axente de Desenvolvemento Turístico da Mancomunidade de Concellos da Mariña, Tania Hermida, sinalou que “as audioguías son un instrumento perfectamente adaptado ás limitacións e ás medidas hixiénico-sanitarias provocadas pola pandemia do coronavirus, como as restricións de aforos e aglomeracións, a necesaria distancia entre persoas, a desestacionalización, as actividades ao aire libre e en movemento. Ademais, fan un tratamento distinto dos contidos das turísticas convencionais. Recóllese a información directamente da veciñanza, dáselle un tratamento ficcionado co obxectivo de crear unha narrativa ligada aos espazos visitados e convértese o paseo audioguiado nunha experiencia inmersiva emocional”, resume.
Hermida indicou que “o obxectivo fundamental é que a audioguía sirva para transmitir as historias dos espazos habitados, as pegadas que a poboación foi deixando na súa contorna, a memoria das xentes que viviron aquí, todo ese patrimonio inmaterial que corre o perigo de desaparecer xunto coas persoas: lendas, costumes, oficios, personaxes locais, festas, espazos de socialización e lugares singulares (tabernas, boticas, cines, bailes, escolas, prazas, parques, castelos…)”.
CHÉVERE, UN REFERENTE DO TEATRO ESTATAL
Chévere, compañía recoñecida co Premio Nacional de Teatro en 2014 e con 30 anos de traxectoria, iniciou hai tres anos unha investigación escénica arredor das narrativas espaciais en contornas urbanas, utilizando a comunicación sonora a través de dispositivos dixitais e auriculares para realizar visitas e paseos ficcionados por barrios e zonas históricas, adaptadas a usos turísticos.
A súa investigación aliméntase da aprendizaxe da teoría da deriva situacionista, da tradición narrativa dos paseantes e flaneurs e de toda unha serie de prácticas artísticas que borran as fronteiras entre literatura, artes visuais, códigos cinematográficos e artes escénicas. Máis información nesta ligazón.