Dá positivo unha traballadora da residencia de Xove por un caso importado de Cataluña

A obreira reside en Viveiro, onde recibiu a visita duns parentes procedentes de Barcelona, que resultaron infectados; este venres someteranse a PCR usuarios e obreiros do xeriátrico

Probas PCR en Burela. CARLOS CASTRO/EP/GC

Unha traballadora da residencia de Xove, veciña de Viveiro, resultou positiva na proba de coronavirus, segundo confirmou o goberno local viveirense.

O contaxio, que trascendeu na tarde deste xoves, trátase dun caso importado, segundo advertiron as mesmas fontes, dado que o núcleo familiar desta persoa recibiu a visita de parentes procedentes de Cataluña, en concreto de Hospitalet de Llobregat (Barcelona) a mediados deste mes de xullo.

Tras notar síntomas compatibles co virus, os visitantes foron obxecto de proba PCR e finalmente resultaron positivos, levando a analizar os tres integrantes da familia viveirense, dos que por agora resultou un caso activo, o da traballadora do xeriátrico.

CATRO OBREIRAS EN CORENTENA

A familia viveirense cumpre corentena e tamén están illadas catro traballadoras do xeriátrico xovense que comparten quenda coa persoa afectada. Na residencia de Xove, onde durante do estado de alarma non se localizou ningún positivo, residen 126 usuarios e traballan 61 empregadas. Os maiores e as obreiras serán sometidos ás PCR este venres.

Despois de que recibise a alta unha traballadora substituta que resultara infectada no centro de maiores de Burela, non se documentaban casos activos de coronavirus nas residencias galegas.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here