O Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabiliza 51 casos activos na Mariña Lucense, cinco menos ca onte, despois de que non se rexistrasen novos positivos e cinco pacientes recibisen a alta con respecto á última actualización. Tampouco se coñeceron novos infectados tralas probas realizadas na residencia de Xove.
Na última xornada realizáronse 43 PCR relacionadas co brote da Mariña detectado o pasado 23 de xuño, segundo a Consellería de Sanidade, das que todas resultaron negativas.
Tamén, sinala o Sergas, “todas as que se fixeron na residencia de Xove”, na que unha traballadora resultou positiva; trátase dunha obreira residente en Viveiro, onde resultaron afectados varios membros da súa familia, en principio a partir da visita de parentes procedentes de Cataluña. Non se rexistraron novos casos nin entre o persoal, con arredor de 60 operarios, nin entre os usuarios do xeriátrico, 126 do centro de maiores e outros 14 dos apartamentos tutelados San Bartolomeu.
Dos 51 casos activos, “a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve”, indica o Sergas e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. No tocante á presión asistencial sobre o Hospital da Mariña, tres persoas con Covid-19 -unha menos ca onte- atópanse ingresadas no centro hospitalario de Burela, con evolución “favorable”.
337 CONFINADOS
Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio. Nestes momentos hai 337 persoas confinadas, 13 menos que onte.