O Concello de Burela potenciará cun investimento de 60.000 euros o parque de Suafonte, que pretende converter nun miradoiro para o peirao burelés. O goberno local licitou as obras de mellora, que espera rematar a final de ano.
As actuacións consistirán no cambio da estrutura da fonte que hai no parque e na substitución por un manancial con caudais alternativos. Ademais, incluiranse novos aparatos de xogos e mellorarase a contorna coa plantación de árbores.
O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, sinala que se trata dun espazo público “que non é moi utilizado e que imos transformar para adecualo aos tempos actuais. Está nunha zona tranquila, resulta un miradoiro perfecto para o porto e queremos darlle unha forma máis vistosa e que poda ser empregado con todas as garantías”, sinala.
ESCOLA INFANTIL
Llano mantivo unha xuntanza en Santiago con representantes do Consorcio de Igualdade e Benestar, na que solicitou aos responsables “unha revisión xa no sistema de calefacción da escola infantil, que está estropeado e practicamente nin se utilizou. Nós imos colaborar con esta institución, que é a que ten que arranxar este problema e é importante que sexa canto antes”, espuxo o alcalde.
DOCE NENOS SEN PRAZA
O rexedor sinala tamén que o goberno local busca solucións para os nenos que quedaron sen matrícula na escola infantil. Son “doce nenos sen escolarizar, aínda que se está tratando que dunha maneira ou doutra se podan incorporar”.