IniciosociedadeO goberno de Foz leva o orzamento a pleno, cun aumento das...

O goberno de Foz leva o orzamento a pleno, cun aumento das axudas de emerxencia social ata os 1.000 euros

Trátase dun presuposto que "tenta dar unha resposta eficaz" á "actual crise da Covid-19", salienta a concelleira de Facenda

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Foz presentará no pleno do vindeiro xoves o orzamento municipal, un presuposto “marcado pola actual crise do Covid-19, á que intenta dar unha resposta eficaz, para paliar os seus efectos entre a veciñanza máis afectada pola mesma”, resaltou o goberno local a través dun comunicado.

As contas ascenden a 7,4 millóns de euros de gasto, segundo expuxo a concelleira de Facenda, a socialista Inés López Couto, quen explica que “se incrementan as partidas en gastos sociais e investimento real, sendo estas as que máis benefician de forma directa á poboación do noso concello. Entre as medidas máis significativas incrementaranse as axudas de emerxencia social de 600 a 1.000 euros e dótase unha partida para a mellora do servizo municipal de lixo, buscando un aumento da eficiencia nesta área para contribuír á mellora do medio ambiente”, argumentou.

Couto engade que “logo de case unha década de políticas económicas manifestamente ineficaces hai moitos contratos de gastos habituais que non se fixeron nos últimos anos debido a unha nefasta xestión da anterior corporación; isto, entre outras cousas, levou a un descontrol no gasto. Necesitamos entrar nunha senda de traballo serio”, afirmou.

A concelleira socialista sostén que “o orzamento municipal debe espremerse ata o último céntimo en beneficio das veciñas e dos veciños. Non como fixo nos últimos anos o goberno do PP, xa que non había ningunha clase de orde nin control dos recursos, xerando remanentes inutilizables e deixando a Foz sen uns fondos moi valiosos para moitas obras que necesita”.

POLÉMICA POLO NÚMERO DE AXENTES DA POLICÍA LOCAL

O Partido Popular de Foz criticou que despois da xubilación dun axente da Policía Local o corpo “só dispón de cinco axentes e un oficial xefe, co que conta cun efectivo menos que en xaneiro de 2019, cando o actual alcalde censurou ao goberno popular por non cubrir a baixa dun profesional recén xubilado, a pesares de saber que xa se iniciara o proceso de substitución”.

“Tamén criticaba Cajoto a falta dunha axente que estaba en comisión de servizo noutro concello e que o anterior goberno non foi capaz de substituír por non existir axentes titulados que desexaran vir a Foz polo período da comisión. Naquel momento o alcalde cualificaba a situación de alarmante, tentando buscar rédito político dunha situación de provisionalidade”, indicou o voceiro popular na corporación, Javier Castiñeira.

Cajoto respondeu que o Diario Oficial de Galicia (DOG) “publicou o pasado día 10 o proceso selectivo para cubrir dúas prazas de policías locais en Foz”.

O rexedor municipal argumenta: “ante a información vertida aos medios polo portavoz do Partido Popular sobre a inacción do goberno para a incorporación de policías debo aclarar que cómpre ler o DOG de cando en vez. Se o señor voceiro do PP está requirindo a este goberno que se inicie un proceso de selección, non procede xa que está máis que iniciado”, afirmou.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...