Ningún dos 16 concellos da Mariña Lucense ten un saldo vexetativo positivo. Nin sequera Burela, municipio que no 2017 foi o único na provincia de Lugo que rexistrou máis nacementos que mortes. É a conclusión dun informe sobre a explotación do movemento natural de poboación, con data de 2019, publicado o pasado venres polo Instituto Galego de Estatística (IGE).
UNHA TENDENCIA QUE SE MANTÉN
Se o municipio burelao rexistraba daquela 14 nacementos máis ca falecementos, no 2018 xa se invertira a tendencia, que se confirmou o pasado ano: naceron 72 residentes en Burela, mentres que houbo 74 defuncións. É, de feito, o único concello da comarca que se achega ao equilibrio na relación entre os dous indicadores. Na bisbarra, no 2019, morreron 602 persoas máis (un total de 982) das que naceron (380); no 2018 o resultado alcanzou os 658 residentes menos, e no 2017 o saldo vexetativo fora de -600. A Mariña perde de xeito natural, sen contar o efecto dos movementos migratorios, da orde de 600 veciños por exercicio.
NIN AS VILAS TEÑEN REACCIÓN
Nos municipios das outras tres vilas da Mariña, o comportamento demográfico é aínda máis acusado: en Foz naceron 67 persoas e morreron 122 (-55); en Viveiro houbo 67 nacementos, por 223 defuncións (-156); en Ribadeo o saldo vexetativo é de -75 (58 nacidos por 133 falecidos).
Non hai excepción: en Alfoz faleceron 37 persoas e naceron catro; en Barreiros houbo nove nacementos e 40 defuncións; en Cervo, rexistráronse 17 novos cervenses por 48 veciños que morreron; en Lourenzá o saldo vexetativo é de -18 (14 e 32, respectivamente); en Mondoñedo, de -48 (12 e 60); en Ourol, -7 (dous nacementos e nove pasamentos); na Pontenova, -40 (sete e 47); en Riotorto, -19 (tres e 22); en Trabada, -12 (oito e 20); no Valadouro, -21 (doce e 33); no Vicedo, -17 (seis e 23); en Xove, -37 (22 e 59).
SEN MATRIMONIOS NO VICEDO E RIOTORTO
No tocante aos matrimonios, na Mariña central houbo 107: un en Alfoz, 40 en Burela, 43 en Foz, sete en Lourenzá e O Valadouro e nove en Mondoñedo. Na parte occidental da comarca, 68; 15 en Cervo, dous en Ourol, ningún no Vicedo, 47 en Viveiro e catro en Xove. Finalmente, na zona oriental, houbo 58 casamentos; catro en Barreiros, seis na Pontenova, 47 en Ribadeo, un en Trabada e ningún en Riotorto.
O 40% DAS NAIS TIÑAN 35 ANOS OU MÁIS NO MOMENTO DE NACER OS FILLOS
O estudo tamén permite comprobar a idade das mulleres no momento de nacer os fillos, con datos neste caso do 2018. Na Mariña central, o 35% das donas que deron a luz tiñan 35 anos ou máis; na parte occidental da bisbarra, este porcentaxe sube ao 40%. No caso da zona oriental, é aínda máis acusado; 45 de cada 100 nais tiñan esa idade ou superior no intre do nacemento dos fillos.