
A Xunta de Galicia continúa levantando paulatinamente as restriccións adoptadas para previr contaxios no brote da Mariña e permitirá a apertura dos locais de ocio nocturno nos concellos da Mariña con restriccións de aforamento. Así se lles comunicou aos alcaldes este mércores, segundo confirmou o propio Goberno autonómico. Tamén se permitirán as reunións de ata 25 persoas, cando o límite de cidadáns non convivintes estaba até o de agora en dez por agrupamento. Continúa a obrigatoriedade da máscara.
Deste xeito, os locais de ocio nocturno poderán volver abrir de xeito progresivo, aínda que terán que manter os aforamentos limitados ao 50% en interiores e ao 75% en terrazas, cando menos ata a semana que vén, cando se volva revisar a situación epidemiolóxica nos 14 municipios do distrito sanitario –O Vicedo, Ourol, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Alfoz, O Valadouro, Barreiros, Mondoñedo, Lourenzá, Trabada e Ribadeo-. As modificacións publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG) esta tarde e entrarán en vigor esta medianoite.
Segundo os datos do Servizo Galego de Saúde (Sergas), “o número de casos asociados ao brote inicial non creceron en máis dunha semana”, e “os casos que aínda están activos están en corentena, illados e controlados”. Deste xeito, os 14 municipios do distrito sanitario terán dende agora que cumprir a mesma normativa que no resto de Galicia.