A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (Apehl) fixo públicos os datos de ocupación hoteleira na provincia durante o mes de xullo, na que se alcanzou unha media dun 50,9% de ocupación no conxunto da provincia e un “rechamante” 24,9% nunha comarca turística como é A Mariña, danada polo brote de coronavirus localizado á altura de San Xoán e que malia que reduciu notablemente a súa incidencia, continúa activo con 35 positivos.
O 25% da ocupación hoteleira está moi distante do 85% rexistrado no mesmo mes do ano 2019, cando só a Ribeira Sacra (93,2%) superou á comarca como xeodestino no tocante á provincia.
Tampouco a cifra no conxunto da provincia é alentadora, pois o 51% de ocupación palidece con respecto ao 75% do mes de xullo do pasado curso.
Esta zona e a da Montaña foron as áreas da provincia con máis visitantes, cunha media do 75% e do 70% de ocupación, respectivamente. Pola súa banda, Lugo Centro logrou o 42,7% e A Terra Chá roldou o 42%.
No relativo ás previsións de ocupación por zonas para o mes de agosto mantéñense actualmente nun 55% para A Mariña, 35% para Lugo centro, 85% para A Montaña, 30% para A Terra Chá e 85% para A Ribeira Sacra.
Deste xeito, agosto converteríase noutro mal mes para a bisbarra, que alcanzou no pasado exercicio unha ocupación neste mesmo período do 91,5%. Tamén sería sensiblemente peor para o conxunto da provincia, que alcanzou o 88% nese intervalo durante o 2019.
“INCERTEZA” E “MÍNIMO” TURISMO INTERNACIONAL
Segundo a Apehl, a actual situación sanitaria provocou que o sector hoteleiro xogue cunha gran incerteza, pois “moitos usuarios realizan reservas hoxe e anulan mañá”. Así mesmo, lamentan que o turismo internacional sexa mínimo, dado que se conta cos dedos das mans”.
Por contra, os hoteleiros das zonas de interior e montaña si que notan “un mes de xullo mellor que outros anos”.