IniciosociedadeTrabada axudará ás pemes con ata 1.500 euros para custear alugueiros ou...

Trabada axudará ás pemes con ata 1.500 euros para custear alugueiros ou contratar persoal

O Concello destinará 51.500 euros a estimular a actividade económica ante a crise da Covid-19 e a fomentar a natalidade no municipio, con catro liñas de subvencións

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Trabada convoca catro liñas de axudas para os veciños por un importe total de 51.500 euros. Trátase de subvencións “para fomentar na natalidade e mellorar a situación educativa das crianzas do municipio como principal riqueza de calquera sociedade moderna, a fin de frear o despoboamento, e contribuír a impulsar a actividade económica ante a crise provocada polo coronavirus“, sinala o executivo municipal trabadense. O prazo para realizar as solicitudes abriu este martes.

“Estas medidas teñen unha clara intención de protección social, de mellorar a calidade de vida no rural, e de incentivar un sector económico que sufriu en maior medida as consecuencias da crise sanitaria que estamos a vivir, como é o tecido comercial, profesional, hostaleiro e en xeral, empresarial”, remarca nun comunicado a alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García Bermúdez.

No tocante ás subvencións destinadas ao mantemento e impulso da actividade económica, poderanse beneficiar autónomos ou microempresas que radiquen no termo municipal de Trabada, “nas que o total das partidas do activo non supere o millón de euros, que o importe neto da súa cifra anual de negocios non supere os dous millóns de euros e que o número medio de traballadores anuais empregados durante o exercicio non sexa superior a dez”, remarca o Concello. O crédito orzamentario é de 40.000 euros.

LOCAIS COMERCIAIS

O Concello axudará a sufragar alugueiros de locais comerciais, de hostalería ou do sector servizos. Son subvencionables os gastos “afectos exclusivamente a unha actividade económica e que se atopen situados no termo municipal da Trabada, desde o mes de xuño do ano 2020. Este local deberá figurar no certificado da situación censual da actividade económica que se incorpora na documentación da solicitude”, concreta o Concello. Así, subvencionarase o 75 por 100 do importe da renda efectivamente aboada polo beneficiario da achega cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria.

CONTRATACIÓNS

O segundo apartado dentro desta liña é un programa de incentivos á contratación de persoal. “Considérase subvencionable o 100 por 100 dos gastos pola contratación nova de persoal efectuada desde xuño de 2020, sexa de xeito indefinido ou temporal cunha duración mínima dun ano. Estes contratos deberán estar debidamente formalizados e comunicados aos Servizos Públicos de Emprego na forma regulamentariamente establecida”, precisa o goberno municipal.

As contratacións poderán ser a tempo completo ou parcial cun mínimo do 50% da xornada ordinaria, prorrateándose neste último caso o importe da subvención proporcionalmente.

O importe da subvención será do importe efectivamente aboado polos conceptos de soldos e salarios e cotización á Seguridade Social dende o mes de xuño do ano 2020, cun máximo de 1.500 euros por cada persoa contratada. Este máximo incrementarase ata 1.800 euros no caso de contratacións que concorra algunha destas condicións: mulleres, persoas maiores de 45 anos, persoas que conten con certificado de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100, persoas desempregadas de longa duración.

Contratacións efectuadas por empresas que forman parte da economía social de Galicia. Consideraranse así a aquelas entidades que cumprindo o resto de requisitos para ter a condición de beneficiaria, estean incluidas na relación de entidades do artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia. As solicitudes poderanse presentar no Concello ata o 30 de setembro do 2020.

MATERIAL ESCOLAR

Por outra banda, destinaranse 500 euros a axudas para a adquisición de libros e material escolar de alumnos de educación infantil do CEIP Celso Currás.

Os beneficiarios serán as familias cunha renda per cápita familiar igual ou inferior ao 100% do IPREM. A axuda será de 130 euros para cada alumno beneficiario.

No caso daqueles núcleos familiares que teñan unha renda per cápita familiar superior ao 100% e inferior ao 150% do IPREM, a axuda será de 100 euros para cada alumno beneficiario. O prazo está aberto, e as solicitudes poden presentarse no municipio ata o 30 de setembro.

TRANSPORTE PARA O ALUMNADO DE CURSOS POSTOBRIGATORIOS FÓRA DO MUNICIPIO

A terceira liña de axudas fai referencia ao transporte escolar de alumnos do municipio que cursan estudos postobrigatorios fóra do termo municipal. O crédito orzamentario será de 5.000 euros, e os beneficiarios aquelas familias cunha renda per cápita familiar igual ou inferior ao 150% do IPREM; a prestación será de 200 euros para cada alumno.

MATRÍCULA NO COLEXIO

Finalmente, a cuarta liña de axudas está enfocada ao fomento da natalidade, aumentando o orzamento dedicado a esta cuestión no anterior exercicio. Os requisitos son os seguintes: “a residencia neste municipio con carácter efectivo e acreditado ante o Concello con polo menos doce meses de antelación, do pai e da nai antes do nacemento do fillo ou adopción; e que o recentemente nacido sexa empadroado por primeira vez en Trabada”.

A contía das axudas será de 400 euros por cada nacemento que teña lugar ou cada adopción que se formalice; e doutros 400 posteriormente coa matriculación do neno no colexio. O crédito orzamentario destas subvencións ascenderá a 6.000 euros e as solicitudes poderán presentarse ao longo de todo este ano 2020 no consistorio.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...