O BNG de Burela rexistrou unha solicitude de información sobre o servizo da ocioteca. En concreto, o voceiro da formación, Mario Pillado, indicou que “solicitamos o expediente de contratación da empresa que presta o servizo, o proceso de selección dos usuarios e se existen usuarios en lista de agarda e os protocolos Covid-19 para este servizo, na liña do que solicitamos directamente no pleno” do pasado 30 de xullo.
Para Pillado “podemos entender que ante preguntas sobre un número considerable de decretos sobre relacións de facturas o alcalde nos emprace a facelas polo rexistro, como vimos de facer, pero (o alcalde de Burela, Alfredo) Llano obviou dar información sobre a ocioteca. Aos poucos días coñecemos que comezara o servizo. Parécenos pouco claro que non se nos contestara nese intre cando xa se tiña que ter, cando menos, parte da información. Por iso agora rexistramos de forma electrónica a solicitude de información sobre o servizo”, remarcou.
Para o voceiro nacionalista “trátase dunha información que o equipo de goberno debe ter á man, polo que agardamos que sexa facilitada en tempo e forma, posto que o servizo xa comezou tanto o expediente de contratación como o proceso de selección de usuarios e o protocolo deben estar accesibles”.
Por outra banda, con respecto ós decretos con facturas reparadas por intervención e co reparo levantado pola alcaldía, “tamén entendemos que ten que ter unha explicación clara, posto que unha vez analizados os decretos semella un proceder do máis usual nos últimos tempos. En caso contrario, coma no caso da ocioteca, se non atopamos resposta, sería do mais preocupante, este equipo de goberno poría de manifesto unha vez mais a mala xestión coa que están levando asuntos de gran interese para a veciñanza”, finalizou o voceiro do BNG.