Un total de once tripulantes do palangreiro Punta do Xuncos seguen confinados no porto de Burela tras rexistrarse oito positivos por coronavirus entre os mariñeiros e mantéñense á espera de someterse a unha segunda PCR, que se lles practicará este sábado. O alcalde do municipio burelao, Alfredo Llano, explicou que o buque tivo que volver a porto a semana pasada ante a sospeita dun caso da enfermidade e que, nas primeiras probas realizadas, oito arroxaron un resultado positivo.
Dos 15 tripulantes, catro están actualmente nos seus domicilios en corentena porque deron negativo de inicio e mantéñense á espera de poder saír a faenar de novo. Os outros once seguen na embarcación e, cando se coñezan os resultados da nova PCR o vindeiro luns, tomarase unha decisión sobre se deben continuar illados no barco ou se poden desprazarse aos seus domicilios. Algúns dos tripulantes, indicou Llano, son da zona pero outros non.