JUAN MAYA. A Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (Apaga) anunciou este mércores que o IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos celebrarase no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias de Ribadeo do 25 ao 28 de agosto. Un evento que servirá para presentar o novo modelo eléctrico de Porsche, o Taycan, e que contará con 32 horas de actividades destinadas aos profesionais, estudantes e aos seguidores da automoción.
VISITAS A SARGADELOS, FINCA GALEA E AO PORTO DE RINLO
O IX Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos arrancará o vindeiro martes ás 9.30 horas cunha presentación sobre os proxectos e accións europeas que Apaga está a desenvolver na actualidade. Os días 25 e 26 haberá actividades lúdicas pola tarde e farase unha visita á fábrica de Sargadelos e outra á Finca Galea, respectivamente. O 27 realizarase un balance do ano anterior e tamén o informe económico e de actividade, así como as propostas de novos proxectos e accións para o que resta de este ano e tamén de cara ao vindeiro.
O venres pola mañá a empresa alemá especializada en coches deportivos Porsche presentará o seu novo vehículo eléctrico: o Taycan. Os asistentes poderán participar nun taller e conducir pola estrada o coche anteriormente mencionado. Ese mesmo día pola mañá tamén haberá outras dúas ponencias de BMW e PSA e á noite haberá unha actividade no porto de Rinlo.
PODERÁN ASISTIR “SOBRE UNHAS 40 PERSOAS”
O presidente de Apaga, Álvaro Doural, explicou que se trata dun ano “un pouco complexo pola covid-19”. Os organizadores decidiron reducir á metade o número de persoas que poderán asistir a esta edición, é dicir, “sobre unhas 40 persoas”, coa intención de poder garantir a seguridade e as medidas hixiénicas.
Doural comentou tamén a excepcionalidade dentro da comarca de realizar un evento coma este. “Ao final decidimos facelo; vai ser a única ou das únicas actividades que se van desenvolver con estas características na Mariña”, concluíu.