O Concello expón ao Goberno a opción “fundamental” de dotar a Foz dun terceiro acceso desde a N-642

A proposta dunha avenida que conecte a estrada que vertebra A Mariña co barrio de Marzán e, a través da Rúa do Cemiterio, co centro da vila, foi unha proposta electoral dos socialistas

Visita a Foz do secretario xeral de Infraestruturas. AXM

O secretario general de Infraestruturas, do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) do Goberno de España, Sergio Vázquez Torrón, visitou Foz e percorreu o concello xunto ao alcalde, Fran Cajoto, e ao concelleiro de Relacións Institucionais, Carlos García, revisando proxectos pendentes e propostas do executivo local. Así, coñeceu sobre o terreo a iniciativa de dotar ao municipio dunha terceira entrada, unha nova avenida que prevé conectar a estrada N-642 co barrio de Marzán e, a través da Rúa do Cemiterio, co centro da localidade.

Trátase dunha actuación exposta polo grupo socialista focego na campaña electoral.
Esta actuación é cualificada polo executivo local como “a infraestrutura fundamental que permitirá liberar presión do vehículo privado no casco urbano apostando, agora así, por medidas de humanización razoables para o municipio”.

Cajoto expón: “apostamos por un Foz planificado, de futuro, traballando de forma seria e responsable. A casa comézase polos cimentos, non polo tellado, e este ano dispuxemos o financiamento para a elaboración do Plan de Mobilidade Urbana Sostible dentro dos fondos que aporta a Deputación. Calquera actuación nunha rúa de Foz afecta ao conxunto do casco urbano: o obxectivo é conseguir unha vila máis amable co peón e coa bicicleta, un pobo que sexa aínda máis atractivo para vivir”.

CANGAS E O CRUZAMENTO DA CORREDOIRA, OUTRAS PREOCUPACIÓNS

Ademais desta proposta na visita do secretario general de Infraestruturas do Ministerio de Transportes “tratouse o estado do proxecto das rotondas de Cangas e a necesidade dunha actuación no cruzamento da Corredoira. É unha preocupación constante a seguridade vial e sabemos da problemática que teñen estes cruces para todas as veciñas e veciños”, engadiu Cajoto.

García comentou que “a visita do secretario xeral de Infraestruturas e o seu interese por unha serie de pequenas actuacións que queremos impulsar dende Foz é de sincero agradecemento. Imos seguir tecendo lazos coas administracións para impulsar o potencial do noso municipio”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here