IniciosociedadeAs familias da provincia cuestionan o protocolo da Xunta de cara á...

As familias da provincia cuestionan o protocolo da Xunta de cara á volta ás aulas en setembro

As Anpas lucenses reuníronse para abordar as dúbidas e a preocupación por posibles contaxios que xera o plan autonómico para os centros educativos, e estudar medidas de protesta

Publicada o

- Advertisement -

JUAN MAYA. As Asociacións de Nais e Pais (Anpas) da provincia de Lugo, que coordina a Federación Provincial (Fapacel), rexeitan o protocolo elaborado pola Xunta de Galicia para o inicio do curso académico nos centros educativos, ao considerar insuficientes as medidas contempladas no plan. Nunha reunión mantida a principios desta semana, as familias puxeron en común as súas dúbidas e a preocupación que xera o documento e contemplaron a posibilidade de realizar actos reivindicativos.

RATIOS DE ATA 25 ALUMNOS POR AULA OU MÁSCARA PARA OS MAIORES DE SEIS, ALGUNHAS DAS MEDIDAS

Presentado no pasado mes de xullo, o “Protocolo de adaptación ao contexto da Covid-19 nos centros de ensino non universitarios de Galicia para o curso 2020-2021” recolle nas súas cen páxinas as medidas que deberán adoptar os centros escolares no vindeiro curso coa intención de garantir a seguridade do alumnado e do profesorado.

O documento introduce a normativa de cambios pero deixa aberta a posibilidade a que os centros apliquen novas medidas non contempladas no protocolo da Xunta, motivo polo cal estivo envolto nunha certa controversia dende a súa publicación.

De entre as medidas presentadas algunhas das máis salientables son a reducción do número de alumnos por aula cando se superen os 25 estudantes, a separación dun metro ou o uso obrigatorio de máscara para os maiores de seis anos cando non se respecte a distancia de seguridade.

Despois da finalización das clases de xeito telemático en xuño, a comunidade educativa e os proxenitores prepáranse para un curso escolar marcado pola incerteza. Os alumnos deberán regresar ás aulas o vindeiro día 10 de setembro nun ano atípico marcado polo medo aos posibles novos contaxios.

A FAPACEL: “ESTAMOS VENDO QUE VAI SER CAÓTICO

A presidenta de Fapacel, Isabel Calvete, expuxo que, nas máis de dúas horas de duración da reunión mantida este luns entre os representantes das Anpas da provincia, se levou unha “grata sorpresa” porque “participou máis xente” da que agardaban e polo “interese que había”.

A reunión foi convocada para saber que medidas propoñían os pais ante o inicio dun curso que se presenta “caótico. Durante esta última tempada fixemos enquisas pero queríamos falar coas familias directamente”, dilucidou.

“agora xa non está tan claro que os nove meses deste curso sexan presenciais”

“Ás veces xa non sabes como reaccionar ante esta situación” -confesou Calvete-, “xa que a meirande parte das familias pensou que todo o relacionado coa pandemia ía estar resolto en setembro e non foi así; tres meses na vida académica dun alumno non supoñen demasiado, pero agora xa non está tan claro que os nove meses deste curso sexan presenciais“.

TEMEN QUE “EN 15 DÍAS ESTEAN OS COLEXIOS PECHADOS”

A data de inicio do curso será o 10 de setembro pero a presidenta de Fapacel pensa que en “quince días estarán os colexios pechados ou polo menos os máis grandes”.

“Todo o que aparecía nas instrucións que sacaron a finais de xullo para o inicio do curso fai referencia a que nos primeiros dez días de setembro vaise preparar ao profesorado e todos os mecanismos necesarios para que a finais dese mes todo o alumnado esteña preparado para abordar unha hipotética ensinanza virtual, algo que Calvete calificou de “tolemia” ao pensar que non é posible que “fagan unha preparación que non se fixo en case seis meses”.

“A PANDEMIA ROMPEU A VIDA SOCIAL DOS NENOS”

A responsable de Fapacel tamén salientou un problema do que non se adoita falar que é que os cativos “estiveron illados practicamente tres meses e poden arrastrar un problema emocional importante“. Así mesmo tamén resaltou unha das frases que dixo unha das nais que participou no encontro: “A pandemia rompeu a vida social dos nenos e segue rota”.

“as crianzas estiveron illadas practicamente tres meses e non sabemos as consecuencias que vai traer”

É unha frase que non me podo quitar da cabeza -confesou-, a vida social dos nenos son os seus compañeiros de colexio, as súas actividades e os seus profesores, foron seis meses, unha barbaridade, e non sabemos as consecuencias que van traer”.

“As reaccións das persoas son moi dispares en situacións tensas, e unha das cousas que tiñan claro os que participaron na reunión era que temos que apostar por unha educación presencial”, e admitiu que “a nós o que realmente nos preocupa é o tema emocional e educativo dos cativos, o seu benestar“.

Pancartas reinvidicativas sobre as medidas emprendidas pola Xunta. AXM

 

“NON HAI ESPAZO PARA METER A TODOS” GARANTINDO A DISTANCIA E NON SE HABILITARON “LUGARES ALTERNATIVOS”

Calvete arremeteu contra o protocolo da Xunta ao considerar que “unha educación sen orzamentos é como non ter nada“. “Non se poden diminuír as ratios porque non hai profesorado e en moitos colexios non hai espazo para meter a todos os alumnos e a Xunta tampouco se preocupou en procurar lugares alternativos“, clarificou.

Estamos falando de triplicar os traballos de limpeza, de meter competencias sanitarias aos profesores, autoavaliación diagnóstica aos alumnos; é un despropósito“, lamentou.

RECLAMAN PERSOAL SANITARIO NOS CENTROS

Unha das medidas que solicitan no manifesto lanzado o pasado mércores 19 é a presenza de persoal sanitario nos centros. “Hai que poñerse na pel dun profesor: está cualificado para decidir nun colexio de catrocentos alumnos se un ten febre? É moi absurdo”, deplorou.

Dende Fapacel amosáronse críticos co protocolo e as medidas propostas: “Non hai por onde collelo. Estivemos na procura do orzamento pero non hai nada. Todas estas medidas sobre a contratación de novo persoal non son certas. O persoal que van contratar de apoio é o que xa estaba previsto. É simplemente que era de apoio fóra do horario escolar. É insuficiente”.

ENVIARÁN UNHA CARTA Á CONSELLEIRA CON SINATURAS EN CONTRA DO PROTOCOLO

Dende Fapacel plantexáronse organizar actos reivindicativos, pero descartaron realizar eventos presenciais, polo que optaron por realizar recollidas de sinaturas en liña, gravar vídeos para compartir en redes e redactar unha carta para mandar á conselleira esixindo diálogo para arranxar esta situación. “As conclusións serán enviadas ás Anpas o próximo luns“, concluíu.

“SE O ALUMNADO DE INFANTIL NON SE PODE XUNTAR PÉRDESE A ESENCIA DUNHA ESCOLA”

Neste sentido, a presidenta da Asociación de Nais e Pais do colexio Virxe do Carme de Burela, Eva López, compartiu que, en base ás opinións recadadas entre os seus socios, a inmensa maioría da xente non está dacordo coas medidas tomadas e non lles dá seguridade levar aos seus fillos ao colexio.

López tamén apuntou que aínda que se poidan cumprir as garantías, tampouco significará que non se van producir novos contaxios. “Estamos falando de nenos, non de adultos; a min cáeseme a alma aos pés só de poñerme na situación, pensar que nunha aula de infantil se lles vai ter que dicir que non se xunten, que non compartan un lapis, que non se abracen… Pérdese a esencia e a razón de ser dunha escola”, afirmou.

“Hai que estar nunha aula con nenos para vivilo: levántanse, séntanse, xúntanse e é normal; o extraordinario sería que un neno estivera sentado na súa cadeira durante toda a sesión”, aseverou.

“non se pode deixar esta responsabilidade á directiva cando non son persoal sanitario, nin de riscos laborais nin de nada polo estilo”

López pensa que se trata de esixir que sexa a Xunta quen aplique as medidas pertinentes a cada colexio tendo en conta as súas singularidades. “Hai que esixir protocolos para cada centro, non se pode deixar esta responsabilidade á directiva cando non son persoal sanitario, nin de riscos laborais nin de nada polo estilo. O seu traballo é outro“, asegurou.

ANTE UN POSIBLE CURSO NON PRESENCIAL “NON TODAS AS FAMILIAS TEÑEN O MESMO ACCESO Á TECNOLOXÍA”

As opinións das familias con respecto ao inicio do curso escolar son mixtas. “Hai nais e pais que teñen os nenos en infantil e como non é de educación obrigatoria están sopesando moi seriamente non mandar ao neno ao colexio para non correr riscos, eu imaxínome que porque as súas circunstacias persoais o permiten”. A tónica xeral é que non confían en “como vai funcionar e pensan ademais que imos volver aos fogares co tempo”.

“agora xa non hai excusa, xa non hai marxe para erros, tiveron moito tempo para prepararsE”

Coa experiencia anovada da docencia telemática todavía moi recente, López pensa que existen entre as familias -e o mesmo co profesorado- “diferencias significativas á hora de utilizar as novas tecnoloxías“. A directora da asociación mostrouse crítica co posible escenario dunha educación dende os fogares: “Este ano se volve a acontecer algo semellante non hai concesións, teñen que responder“.

Para López os nenos e nenas con necesidades especiais foron os grandes abandonados durante o confinamento. “Iso pódese perdoar cando te colle o toro nunha situación anovada, pero agora xa non hai excusa, xa non hai marxe para erros, tiveron moito tempo para prepararse“, concluíu.

POSIBLES PROBLEMAS DE CONCILIACIÓN

“Se non conseguimos parar o virus e que diferentes campañas económicas funcionen isto vai ser desastroso. Mandar aos nenos ao colexio é demasiado arriscado”, afirmou a presidenta da Anpa, profesora do IES de Foz e concelleira socialista, Milagros Louzán García

Louzán pensa que a Xunta nestes momentos está “lanzando moitos balóns fóra” porque “non saben que facer porque a solución é moi difícil” e que as medidas que se contemplan para Foz “son as mesmas que para Coruña”.

Moitos profesores apuntan a que a docencia non presencial pode acarrear problemas en futuros cursos aos alumnos en familias nas que existan problemas de conciliación. “Son unhas idades nas que hai que afianzar a compresión lectora e as operacións matemáticas básicas. Temos que ser conscientes de que o dano que se lle pode facer a certos alumnos está aí”, concluíu a presidenta da Anpa do IES de Foz.

POSIBLES AGLOMERACIÓNS NOS BUSES OU NOS COMEDORES

No devandito comunicado alertan de que o inicio de curso será unha “bomba explosiva” e unha “burbulla inestable” provocada pola convivencia de menores provenientes de “distintas contornas familiares, laborais e sociais” que “se van a mesturar nos buses, nos servizos de madrugadores, nos comedores ou nas actividades extraescolares sen ningún tipo de planificación”.

Por iso, piden á Xunta de Galicia e ao Ministerio de Educación que traballen conxuntamente para “habilitar espazos, deseñar quendas racionais, desdobrar aulas, reducir a xornada lectiva, contratar máis docentes, promover axudas para as familias e as empresas para a conciliación familiar ou planificar roteiros seguros de transporte escolar”, entre outras medidas.

PREOCUPA A “FALTA DE PLANIFICACIÓN” RESPECTO DO SERVIZO DA MADRUGADORES OU DAS ACTIVIDADE EXTRAESCOLARES

Desde Fapacel, a súa presidenta Isabel Calvete fixo “un chamamento ás familias para que se manifesten e fagan valer os seus dereitos”.

Neste sentido, Fapacel pide aos pais e nais “que esixan uns protocolos que garantan a presencialidade nas clases e sobre todo a seguridade”. “Non podemos mandar aos nenos coa dúbida de se se van a contaxiar nos colexios, polo que necesitamos unha total garantía de seguridade”, advertiu Calvete.

CAMPAÑA EN REDES SOCIAIS

Imaxe cedida pola Anpa A Granda de Muimenta

Pola súa banda, desde as asociacións de pais e nais de diferentes centros da provincia compartiron vídeos a título particular nas redes sociais, nos que rexeitan abertamente o “protocolo anticovid” da Xunta de Galicia ou piden “sentidiño” á conselleira de Educación, Carmen Pomar.

As Anpas dos centros CEIP Manuel Mato Vizoso, CEIP Antonio Insua Bermúdez e Escola de Educación Infantil de Vilalba emitiron un comunicado conxunto no que manifestan a súa preocupación polos “rebrotes que se están producindo na zona, como en Cospeito ou Castro Ribeiras de Lea”.

AS DIRECTIVAS DOS COLEXIOS XA TRABALLAN EN MEDIDAS DE CARA AO REGRESO

O director do colexio de CervoManuel Martínez, apuntou en declaracións ao Xornal da Mariña que tomaron como referencia o texto da Consellería e que en base a el están adaptando os espazos, sinalizando o centro e elaborando un protocolo de limpeza. Considera que as medidas son “moi extensas”, polo que non contemplan ningunha medida alternativa.

Martínez compartiu que, aínda que non recibiron ningunha notificación de xeito formal, si que recibiron preguntas sinxelas. “A xente ten certa curiosidade e incerteza, sempre hai certas dúbidas sobre a asistencia dos nenos ao centro ou se se vai desenvolver de xeito normal”, afirma.

OS ALUMNOS, “DESEXOSOS DE VOLVER AO CENTRO”

O director do colexio de Cervo pensa que se tratará dun regreso “laborioso” polo aumento na carga de traballo que terá que afrontar o profesorado e o equipo directivo e tamén se amosou preocupado pola posible suspensión das clases ou por un novo confinamento. “Ninguén pensou que a escola se fora a converter no que está a piques de converterse en setembro”, comparte.

No caso de que se decrete un novo estado de alarma ou que se suspendan as clases presenciais, Martínez considera que agora as nais poden estar máis preparadas con respecto a fai uns meses, pero tamén apuntou que as dificultades que experimentaron certas familias “non eran cuestión de preparación, senón de conciliación e de ausencia de medios nalgún caso”.

Ao falar co alumnado no momento de rematar o curso escolar 2019-2020, moitos deles compartiron co profesorado que estaban “desexosos de volver ao centro” e preguntábanlles sobre cando poderían volver ver aos seus compañeiros. “Era a pregunta estrela”, explicou.

QUE ACONTECERÁ NO CASO DE QUE O ALUMNADO OU O PROFESORADO TEÑAN SÍNTOMAS

No caso de que un alumno experimente síntomas, o protocolo da Xunta indica que será illado nunha aula (as denominadas como aulas burbulla) e colocaráselle unha máscara cirúrxica e unhas luvas. A familia ou o titor legal sería informado vía telefónica e procederíase tamén a avisar ao pediatra para realizar unha proba PCR.

Pola contra, se é un profesor, o protocolo indica que tería que marchar á súa casa de inmediato e o colexio tería que comunicarllo á Xefatura Territorial de Sanidade. Despois de que o docente realice unha proba PCR avaliarase se é preciso poñer en corentena a aula.

A Xefatura Territorial de Sanidade será a responsable de decidir se o colexio se debe pechar de xeito temporal ou pola contra se só unha aula, dependendo do número de casos que tiveron lugar, así como emprender outras medidas que consideren oportunas.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...