Concello de Foz e Centro Comercial Aberto (CCA)-Acia da vila renderán esta fin de semana homenaxe á Festa Normanda, que este ano non se poderá celebrar debido á pandemia do Covid-19. Varios establecementos hostaleiros ofrecerán menús normandos e tamén haberá música e espectáculos infantís na rúa.
Un total de trece locais hostaleiros participan nesta iniciativa gastronómica que se leva a cabo coincidindo co décimo aniversario da Festa Normada. Estes establecementos son: Xoyma, Dandy, Happy Days, Acuario, As Brasas, O Carro, Casa Damián, O Lar, Hotel Oca, Espacio Machete, Bar 78, Porto Chico e Tangarte Mariñeiro.
O presidente de Acia, José Carlos Paleo, subliñou que “con esta iniciativa pretendemos que a xente non se esqueza da festa e a celebre, na hostalería ou ben levando os manxares para as súas casas, con sentidiño e respectando as normas sanitarias que están en vigor neste momento”.
Paleo engadiu que “queremos manter vivo o espírito da Festa Normanda nun fin de semana no que celebraríamos a súa décima edición. Por mor do Covid-19 a festa, como tal, non se poderá desenvolver, pero si a desfrutaremos a nivel gastronómico, o que nos dará a oportunidade de estar coa a familia e cos amigos de tertulia lembrando as anécdotas das edicións anteriores”. Colaboran na organización do X Menú Normando o Concello de Foz e a Xunta de Galicia.
CONCERTOS E CIRCO NA RÚA
Por outra banda, o Concello de Foz programa actividades da iniciativa Cultura na rúa en recordo da Festa Normanda esta fin de semana, sábado e domingo.
O sábado Perkusiona ofrecerá un pasarrúas de batukada a partir das 13.00. Á mesma hora na paseo da Rapadoira terá lugar un concerto do grupo Super Glu. Na Praza Conde de Fontao haberá en dobre sesión o espectáculo infantil Os Monifates, ás 18.00 e ás 20.00 horas, e o espectáculo circense de Troula Animación ás 19.00 horas. Ás 21.00 horas haberá de novo pasarrúas de batukada a cargo de Perkusiona. E rematarán as actividades desa xornada cun novo concerto do grupo Super Glu ás 21.30 horas na Praza Conde de Fontao.
O domingo, José Brea e Pocho Taxes ofrecerán dous concertos: ás 13.00 horas no paseo da Rapadoira e ás 21.30 horas na praza Conde de Fontao.