IniciosociedadeVeciños de dúas aldeas de Mondoñedo denuncian na Valedora as fallas de...

Veciños de dúas aldeas de Mondoñedo denuncian na Valedora as fallas de internet e telefonía

Residentes en Estelo e Tronceda sofren constantes eivas no servizo e en consecuencia dificultades para seguir os estudos ou realizar trámites

Publicada o

- Advertisement -

Veciños das aldeas de Estelo e Tronceda, no municipio de Mondoñedo, denunciaron ante a Valedora do Pobo a fallas de cobertura de internet e servizo telefónico que se repiten nestes dos lugares desde hai anos, e que cobran especial importancia nun contexto como o actual, no que o coronavirus obriga a realizar cada vez máis actividades e trámites por vía telemática.

Ana Barreira, residente na aldea de Estelo, expón que a pinga que colmou o vaso e lle fixo acudir á institución para a defensa dos dereitos da cidadanía foi “que toda a semana pasada estivemos sen cobertura“. As constantes chamadas a Movistar son respondidas con aperturas de incidencias, “pero por aquí non veu ninguén, porque se considera un problema de antena. É certo que fixeron modificacións para acadar máis potencia, porque o remisor vello tiña problemas, pero estamos ás portas de que comece o curso e seguimos nas mesmas”, explica.

“PAGAMOS POR UN SERVIZO QUE NON TEMOS”

As obras para cambiar a torreta de reemisión, cun orzamento de 70.000 euros, comezaron no pasado mes de febreiro, pero a estas alturas de agosto Barreira segue tendo que subir catro quilómetros, a onde está ubicada esa mesma antena, para poder descargar documentación que lle solicita a súa filla, estudante universitaria. “Apenas pode baixar correos, asistir a clases en directo nada“, resalta. “Meus pais teñen gando e tramitar os papeis da oficina agraria é unha odisea”, engade.

Barreira indica, ademais, que os problemas co servizo telefónico fixo, sen liña constantemente, fan que “xente maior teña dificultades para facer trámites co centro de saúde“.

Con diferentes situacións, 22 fogares de Estelo e Tronceda vense afectados, en maior ou menor medida, polas eivas do servizo.

Esta veciña séntese “estafada, porque Movistar estase lucrando. Estamos pagando igualmente por un servizo que non temos. E ao que non hai alternativa, porque non hai outra operadora e se o dou de baixa quedo como estaba ou peor”, lamenta.

ANOS E DÉCADAS NESTA SITUACIÓN

Os problemas de cobertura en Estelo e Tronceda remóntanse anos e mesmo décadas atrás, pero o prexuízo, argumenta, é cada vez maior. “Sempre houbo dificultades, con picos de cobertura e tempadas sen ela, pero é que non che facía falta internet como o necesitas agora, a diario. Quen pode vivir sen teléfono, fixo ou móbil? Son necesidades”, manifesta.

Esta veciña Barreira négase a aceptar que haxa unha lei natural que lle obriga a renunciar a ter un servizo digno na súa aldea nun tempo no que se insiste en que a comunicación a distancia é o futuro. “É certo que non é cousa de agora, pero nalgún momento terá que haber unha solución. Antes levábanse as cousas na carretilla e agora ándase co tractor”, conclúe.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...