IniciosociedadeA Deputación axuda ás asociacións con ata 3.000 euros para programar actividades...

A Deputación axuda ás asociacións con ata 3.000 euros para programar actividades culturais

O orzamento total das subvencións ascende a 230.000 euros

Publicada o

- Advertisement -

A área de Cultura da Deputación de Lugo aprobou as axudas de concorrencia competitiva para o desenvolvemento de actividades culturais durante o ano 2020. Esta liña de subvencións conta cun orzamento de 230.000 euros e poden solicitalas as entidades e asociacións da provincia.

As bases deste ano establecen que polo menos o 5% do custe total da actividade deberá ser financiado con recursos propios da entidade beneficiaria. A contía mínima das axudas é de 300 euros e a máxima de 3.000. Poderán financiarse, entre outros, gastos de persoal, transporte, infraestruturas para o desenvolvemento da actividade, seguros ou publicidade.

A vicepresidenta da Deputación, a nacionalista Maite Ferreiro, destacou: “continuamos colaborando coas asociacións que dinamizan a vida cultural da provincia, máis especialmente nestes tempos de incerteza nos que as asociacións teñen que cinguirse ás ríxidas medidas e levar a cabo proxectos que non saben como van acabar”.

Tamén explicou que “sempre temos en conta criterios que fomenten a igualdade e a integración ademais de impulsar o coñecemento e o desfrute da cultura galega: ás tradicións, a música, o patrimonio e, por suposto, a lingua”.

“Esta liña de axudas súmase a outras colaboracións coas asociacións culturais da provincia, unha contribución que supón máis dun millón de euros destinados a manter vivo o tecido cultural da provincia”, concretou Ferreiro.

PREMIO OTERO PEDRAYO

A área de Cultura tamén aprobou a achega de 2.000 euros para a Premio Otero Pedrayo 2020, que este ano organizará a Deputación de Ourense. O galardón organízase  de xeito rotatorio entre as catro provincias galegas para honrar a memoria do escritor, co obxectivo de recoñecer persoas ou entidades cunha contribución no campo das letras e do coñecemento e promocionar os valores propios de Galicia.

Ademais a desde a área de Cultura designáronse dous dos membros do xurado que avaliará as candidaturas para o premio, a propia vicepresidenta e deputada de Cultura e o escritor, profesor e investigador Xosé Miranda.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...