IniciosociedadeO BNG de Viveiro propón usar edificios municipais para baixar a ratio...

O BNG de Viveiro propón usar edificios municipais para baixar a ratio de alumnado nas aulas

Os nacionalistas instan a poñer a disposición da Xunta as escolas unitarias, o antigo Ceip de Galdo ou o centro comarcal para garantir a distancia persoal necesaria para evitar contaxios

Publicada o

- Advertisement -

O BNG de Viveiro levará ao vindeiro pleno unha moción para que o Concello poña a disposición da Consellería de Educación edificios municipais que están “infrautilizados”, como “as antigas escolas unitarias nas parroquias, o centro comarcal ou o edificio do antigo CEIP de Galdo” para contar con espazos que “permitan realizar os desdobres das aulas baixando o ratio do alumnado“, unha cuestión que gañará máis importancia se cabe no vindeiro curso, non só para ofrecer unha atención persoalizada senón tamén para garantir a distancia interpersoal necesaria para evitar contaxios de coronavirus.

A través dun comunicado de prensa, o BNG valora o cuestionado protocolo elaborado pola Xunta de Galicia. “Cunha breve análise do texto podemos observar que a Consellería de Educación elaborou o plan primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e pais, así como aos Concellos, que se deberán facer cargo da prestación e sobrecuste de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa asuma ningunha delas”, censura a agrupación local nacionalista.

CRÍTICAS AO PROTOCOLO DA XUNTA

“Así, atopámonos cun documento no que non se respectan os criterios establecidos por norma para o resto da poboación, como poden ser as regras de distanciamento persoal ou de aforamentos. Non se contempla por parte da Consellaría ningún tipo de complemento económico nin a contratación de persoal a maiores, nin non docente nin de persoal docente, imprescindible para reducir o número de alumnado por aula”, expón a concelleira do Bloque viveirense, Míriam Bermúdez, que engade que “tampouco se adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática“.

“A falta de espazo é unha das razóns que esgrimiu esta mesma semana a conselleira de Educación, Carmen Pomar, para rexeitar o desdobramento de grupos para rebaixar a cociente de alumnos por aula e axudar a cumprir coa distancia de seguridade recomendada na volta ao cole postcovid. É por isto que é imprescindible que os Concellos poñan a disposición todos aqueles edificios municipais que poidan ser utilizados para tal finalidade e así favorecer a repartición de alumnos en máis aulas, desconxestionar os colexios e achegarnos a cocientes menores para cumprir coas distancias mínimas e ofrecer unha volta ao cole o máis segura posible ao alumnado”, argumenta o Bloque viveirense.

PLAN MADRUGA E COMEDORES

No tocante ás actividades extraescolares, o Plan Madruga e os comedores escolares“, son para os nacionalistas viveirenses servizos “impresdincibles para facilitar a conciliación familiar e laboral”, pero nos que o Goberno autonómico debe garantir “a súa universalidade e o financiamento do sobrecuste”, alegan.

LIMPEZA

Bermúdez salienta finalmente que hai unha “clara intención” por parte do Goberno autonómico de que sexan os Concellos “os que sigan a exercer competencias que lle son propias“, e apunta que o protocolo para evitar contaxios implicará “medidas de limpeza extraordinarias nos centros educativos que van moito máis alá dos que nestes momentos realizan os executivos municipais. Será, polo tanto, a Xunta de Galicia, a administración competente en materia de educación e sanidade, a que ten que asumir e financiar estes traballos”.

SEIS PUNTOS

Deste xeito, a moción do BNG consta dos seguintes puntos:

  1. Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID19 para o ensino, aprobado pola Xunta de Galiza, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.
  2. Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste.
  3. Poñer a disposición da Xunta de Galiza, os edificios municipais que contan con servizos básicos e que están infrautilizados como son todas as antigas escolas unitarias existentes nas parroquias, o Centro Comarcal ou en especial o Edificio do antigo CEIP de Galdo e así contar con espazos que permitan realizar os desdobres das aulas baixando a ratio de alumnado.
  4. Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado abrindo con urxencia por parte da Xunta de Galiza un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.
  5. Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.
  6. Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza, á FEGAMP e ANPA ou ANPAs que teñan implantación na localidade.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...