A secretaria provincial do PSdeG-PSOE en Lugo, Patricia Otero, presentou esta mañá no municipio de Viveiro, acompañada por alcaldes e portavoces socialistas na comarca, unha “batería de iniciativas parlamentarias” para reclamarlle “ao goberno da Xunta de Galicia de Feijóo un plan de reconstrución da Mariña acordado coas entidades locais da comarca” e con “os axentes sociais e económicos”.
INDUSTRIALIZACIÓN
Ese plan que reclaman os socialistas, precisou á prensa Otero, debe incluír “ademais un plan de industrialización para a comarca” mariñá, porque segundo a voceira socialista, os sucesivos “gobernos de Núñez Feijóo non investiron nin un só euro en modernizar e impulsar medidas industriais para A Mariña”, a pesar de que a Xunta de Galicia “ten competencias plenas nesta materia”.
TURISMO E SECTOR PRIMARIO
Ademais, a proposta socialista reclama que sexa potenciado o turismo local, tanto na costa como no interior, mediante medidas de apoio á hostalería, así como “apoio para os sectores primarios”: Agricultura, gandería, pesca e forestal. “É necesario que sexa constituída de forma urxente unha mesa de traballo formada polo Executivo galego, os grupos con representación no Parlamento, os axentes sociais e económicos e as entidades locais da Mariña para a elaboración dese plan específico”, engadiu. Un plan, dixo Otero, que debe ser “unha estratexia para a reactivación económica” de toda a comarca.
O PECHE POR MOR DO BROTE PROVOCOU “GRANDES PERDAS ECONÓMICAS”
Otero sinala que “esta crise industrial e de emprego que xa se viña vivindo na Mariña desde hai tempo, e agravouse coa crise provocada pola Covid-19, e máis se temos en conta que esta comarca sufriu ao longo do mes de xullo deste ano maiores restricións sanitarias que o resto de Galicia. Hai que lembrar que a Xunta de Galicia decretou a principios dese mes o peche dos accesos ao distrito sanitario da Mariña -por certo, medida empregada pola Xunta de Galicia unicamente para esta comarca-, e posteriormente limitou esa restrición só ao concello de Burela, provocando grandes perdas económicas. Nesta situación faise necesario e urxente un plan de reconstrución propio e exclusivo desta comarca. A Xunta de Galicia non pode desatender esta comarca ante a difícil situación que está a atravesar. A Mariña lucense ten que ter unha atención especial nesta lexislatura que agora comezamos”.
MANIFESTACIÓN MULTITUDINARIA EN XUÑO
“Esta chamada de auxilio materializouse unha vez máis, a finais de xuño deste ano, nunha multitudinaria manifestación en Burela, convocada polas centrais sindicais UGT, CC OO e CIG, na que se reclamaba un futuro para a Mariña de Lugo e se pedían melloras en infraestruturas, en servizos, en sanidade, en educación, en industria, nos sectores primarios”, lembrou. Otero estivo acompañada en Viveiro da alcaldesa, María Loureiro; o rexedor de Ourol, José Luís Pajón; o alcalde de Foz, Francisco Cajoto; o primeiro edil de Alfoz, Jorge Val; o coordinador da Mariña e concelleiro en Burela, Ramiro Fernández; a tenente de alcalde de Barreiros, María Carmen Veiga; o alcalde da Pontenova, Darío Campos; o senador César Mogo e do concelleiro viveirense Suso Fernández.