A alcaldesa de Barreiros, a nacionalista Ana Ermida, amosou a través dun comunicado a súa “sorpresa” polo escrito recibido desde a Axencia Galega de Emerxencias (Axega) no que o organismo instrumental da Xunta de Galicia explica que non mobilizou o camión cisterna solicitado polo executivo local, ao “non considerar como emerxencia” a situación que se produciu a finais do pasado mes de agosto, cando unha avaría na canalización entre Cabarcos e A Rilleira provocou a falta de auga potable “para máis de 150 persoas e 1.000 cabezas de gando vacún” de tres núcleos de poboación municipais máis outro de Trabada, “en claro risco con circunstancias climatolóxicas extremas”, argumenta o goberno barreirense.
“A SITUACIÓN DESCRITA NON SE ENCADRA NOS SUPOSTOS PARA A MOBILIZACIÓN DE RECURSOS PÚBLICOS”, DI AXEGA
En resposta á carta enviada pola alcaldesa na que se trasladaba a necesidade de homologar a cisterna propiedade da Axencia Galega de Emerxencias, o xerente remitiu un escrito no que dubida da calificación como emerxencia da situación de desabastecemento. “A situación descrita por parte do Concello non se encadra nos supostos previstos para a mobilización de recursos públicos de administracións diferentes á que está sufrindo o problema”, asegura na misiva o xerente da Axega, Marcos Araújo.
Axega define como “emerxecia”, citando a Lei de Emerxencias de Galicia, a “situación sobrevida, de carácter inesperado, que afecta en maior ou menor grao á seguranza das persoas, dos bens ou do ambiente”. Así, defende que a situación que se deu en Barreiros “non foi froito senón dun feito que o servizo de abastecemento e saneamento do Concello, con traballo preventivo, quizais puidera prever ou solventar“.
No escrito tamén se recolle que a AXEGA xa realiza melloras continuas para “aproveitar ao máximo os recursos desta entidade de xeito que unha mesma ferramenta (como pode ser o vehículo gran nodriza) sexa utilizado tanto en incendios industriais como forestais, limpezas de vías de comunicación posteriores a inundacións ou transporte de auga potable se a situación realmente así o require”.
Ermida admite que a situación foi “derivada por un problema na rede“, pero entende que se trata “dunha situación de emerxencia”, “tal e como entenderon todas as Administracións ás que se lles requeriu auxilio”. Así, lamenta que Axega non mobilizase recursos na axuda do Concello.
“AS ACTUACIÓNS NON DEBERAN TER XUSTIFICACIÓN NAS CAUSAS, SENÓN NAS CONSECUENCIAS”, CENSURA ERMIDA
“A efectos de aclarar os termos manifestados e entendendo que a AXEGA xa conta con medios homologados, pero que decidiu non mobilizar para dita situación en Barreiros; a alcaldesatrasladou nunha resposta por escrito a necesidade de, en aras de non saturar os servizos de emerxencia con peticións extralimitadas, gustaríanos poder coñecer os criterios de consideración de situación de emerxencia e se a orixe de dita situación é determinante para a actuación de ditos servizos”.
Ermida manifesta que a declaración de situación de emerxencia considerada polo Concello “non ten xustificación na causa que a provocara, senón nas consecuencias de ter un depósito que non subministraba auga potable”. “Solicitamos coñecer cales son os criterios para considerar emerxencias e mobilizar recursos, porque para esta alcaldía estar sen auga potable para as persoas e os animais, en moitos casos como medio de vida e, polo tanto, con características industriais; é unha clara situación de emerxencia”, sostén a rexedora barreirense.
“O que non entendemos é que a causa da situación poida argumentarse como xustificación para non mobilizar medios, porque as emerxencias, case todas poden evitarse dalgún xeito, desde accidentes de calquera tipo a incendios; mais a súa existencia, sexa pola
causa que sexa, non ten dúbida para obter a consideración de emerxencia. Polo que non
entendemos que en pleno verán, unha situación de falla de abastecemento de auga potable
namentras non se solucione o problema que a provoca, non sexa entendida como situación de emerxencia”, conclúe.